Os venres de xullo virán marcados polo Caldelas Tapas 2021

Ponte Caldelas
29 de xuño 2021

Nesta nova edición haberá 12 propostas gastronómicas e o prezo das tapas será de 1,50 euros e a bebida pagarase á parte

O xurado de Caldelas Tapas 2021
O xurado de Caldelas Tapas 2021 / Concello de Ponte Caldelas

Este venres 2 de xullo comeza unha nova edición do 'Caldelas Tapas' que contará coa participación de doce locais de hostalería do municipio que ofrecerán diversas propostas gastronómicas ao longo de todos os venres do mes.

O prezo das tapas é de 1,50 euros e a bebida deberá pagarse aparte. Este martes presentábase esta edición coa que o Concello de Ponte Caldelas quere crear máis actividade e promover que os visitantes se acheguen para participar neste evento relacionado coa gastronomía.

O xurado profesional xa escolleu o 16 de xuño a mellor tapa das que se presentaron ao concurso, nun acto celebrado na Casa do Pobo Suso Vaamonde de Regodobargo. O cociñeiro Pepe Vieira, que conta con estrela Michelín; a reposteira local Conchi Amoedo, responsable de 'Pica e Peca' e a ex propietaria dun establecemento, Ángeles Míguez 'Lita' formaban o xurado, que xa deixou o veredicto gardado nun sobre pechado. 

A finais do mes de xullo, unha vez que finalice esta edición, todos os participantes coñecerán a tapa gañadora escollida polo xurado profesional.