A campaña 2025 na plantación de trigo Caaveiro que Panadería Acuña mantén no lugar de Galegos (Lalín), concluíu cun rendemento de 7.500 quilos de cereal. A cifra queda por baixo dos 8.540 quilos obtidos o ano pasado e lonxe do obxectivo de 10.000 quilos que a empresa se marcou a principios de tempada.
A pesar de que a superficie cultivada pasou de catro a cinco hectáreas, a climatoloxía adversa xogou en contra das previsións. O inverno seco, as dificultades para entrar a labrar o terreo e unha seca prolongada no último tramo da campaña obrigaron a adiantar a recollida.
Nun vídeo gravado antes de pechar estas cifras, Andrés Acuña mostraba o seu optimismo e chanceaba co produtor local: "Eu confío en que imos chegar ás 12 toneladas de cereal", dicía entre risas, consciente de que Miguel Pampín, responsable xunto á súa muller Laura do coidado das terras, mantiña unha visión máis prudente.
"Este ano foi bastante complicado, a seca adiantou a recollida antes de que o gran chegase a encher do todo", explicaba Miguel, resumindo unhas xornadas de traballo intensas condicionadas pola falta de choiva.

A pesar do descenso na produción, o equipo valora positivamente seguir consolidando o proxecto. A fariña obtida é dunha calidade excepcional e destinarase á elaboración de pans artesanais Quilómetro Cero, selo distintivo de Panadería Acuña.
"O importante é manter a aposta polo trigo 100% galego, polo rural e polo produto de proximidade", subliña Andrés Acuña, lembrando que este tipo de proxectos, ademais de preservar variedades autóctonas, contribúen á economía local e á recuperación da tradición panadeira artesá.
HISTORIA DA PLANTACIÓN
A historia desta plantación en Lalín comezou en 2023, cando a cuarta xeración da familia panadeira, en colaboración con produtores locais, recuperou tres hectáreas de terreo ata entón sen uso agrícola para cultivar trigo Caaveiro. Ese primeiro ano, o rendemento foi de 7.300 quilos, unha cifra que superou as expectativas iniciais e confirmou o potencial da zona para este cereal.
En 2024, a superficie aumentou a catro hectáreas e a colleita alcanzou 8.540 quilos, consolidando a viabilidade do cultivo e reforzando o compromiso coas prácticas sostibles, como o uso de estrume (fertilizante verde).
Este 2025, a plantación chegou ás cinco hectáreas, co obxectivo de superar os 10.000 quilos. Con todo, como se apuntou liñas máis arriba, as complicadas condicións meteorolóxicas impediron acadar esa meta, deixando o balance final en 7,5 toneladas.
