Para o PP a nova localización do skatepark supoñería "hipotecar" a última parcela do campus

Pontevedra
27 de maio 2017

Así o asegura o concelleiro popular César Abal tras o recente anuncio do goberno local. "É incomprensible que un lugar desbotado polo propio goberno en 2014 agora sexa a opción elixida", defende o edil

César Abal, concelleiro do Partido Popular
César Abal, concelleiro do Partido Popular / Mónica Patxot

O acordo ao que chegou o Concello coa Universidade de Vigo para instalar no campus o demandado skatepark, segundo anunciou o goberno local recentemente, non satisfai ao Partido Popular.

"É incomprensible que un lugar desbotado polo propio goberno en 2014 agora sexa a opción elixida", explica o concelleiro do PP César Abal.

O edil entende que "de confirmarse esta opción estariamos a hipotecar a última parcela dispoñible no campus de Pontevedra reservada para calquera uso ou demanda futura da universidade".

Abal, a través dun comunicado, incidiu no que entende como descoordinación xa que o Concello, de acordo cos técnicos municipais, encargara asistencia técnica para o proxecto da cuberta sobre a pasarela de 12 de Novembro, na que se pretendía instalar o skatepark ademais dunha pista polideportiva e unha senda peonil coa que "todos os axentes estiveron de acordo", e que tivo un custo de 1.161,60 euros.

"O BNG xa tivo que indemnizar a outra empresa especializada polo proxecto do skatepark baixo a autoestrada en Mollabao e agora volvemos repetir a mesma desfeita", denunciou o concelleiro popular, que pide reflexión neste asunto ao goberno municipal.