Paro parcial de tres horas no sector de oficinas e despachos da provincia

Pontevedra
03 de novembro 2023

O persoal desenvolveu este venres a protesta na sede da Confederación de Empresarios en Vigo. Reclaman un convenio colectivo xusto con salarios dignos

Protesta de persoal do sector de oficinas e despachos diante da CEP
Protesta de persoal do sector de oficinas e despachos diante da CEP /

6.500 persoas da provincia están afectadas polo convenio de oficinas e despachos. Este venres, o sindicato CIG-Banca convocaba unha protesta diante da sede da Confederación de Empresarios (CEP) en Vigo. 

Ademais, desenvolvíase un paro de tres horas, entre as 12.00 e as 15.00, cun amplo seguimento, segundo a central nacionalista. 

Reclaman un convenio colectivo digno con salarios xustos e acusan á patronal de manter durante once anos soldos conxelados e de presentar propostas "irrisorias" nas reunións da mesa negociadora. 

Alertan de que a parte empresarial quere conxelar a antigüidade "a cambio de migallas" como cincocentos euros nun pago único que non pasaría as táboas, segundo a CIG. Tamén rexeitan a proposta patronal de actualizar os salarios de 2024 cunha subida do 10% sobre os soldos de 2012, mentres que para 2025 o incremento sería dun 3%.

Desde o sindicato sinalan que os soldos de todas as categorías laborais do sector permanecen por baixo do salario mínimo interprofesional, agás o caso de persoas con titulacións superiores ou medias.

O vindeiro mércores 8 de novembro volverán reunirse as partes.