As obras de remodelación do parque de Ánkar seguen avanzando a bo ritmo e pronto darán vida a unha nova e orixinal área de xogos infantís cunha temática moi especial: o universo de Cristóbal Colón.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou recentemente a zona para comprobar de primeira man como marchan os traballos, que nestes momentos céntranse no pavimentado da base onde se colocarán o caucho de seguridade e os distintos elementos de xogo.
Se todo segue segundo o previsto, os máis pequenos poderán estrear este espazo a finais de outubro.
Cun investimento de máis de 140.000 euros, o proxecto renovará por completo a antiga zona infantil, apostando por un parque máis accesible, inclusivo e atractivo para as familias. A temática non é casual: está inspirada na figura de Cristóbal Colón, en relación coa proximidade da Casa Museo dedicada ao navegante.
A gran protagonista do parque será unha réplica da Santa María, a embarcación máis grande da primeira viaxe de Colón ao novo mundo.
Esta estrutura, pensada para o xogo e a aventura, incluirá tobogáns, paneis para trepar, zonas de escalada, hamacas, temón, telescopio, mapa do tesouro e até crebacabezas e barrís, todo distribuído a distintas alturas da Carabela para fomentar o movemento e a imaxinación.
A área de xogos abarcará uns 300 metros cadrados e incluirá ademais unha segunda embarcación máis pequena, pensada especialmente para nenos menores de 6 anos, con ramplas, tobogáns e outros elementos adaptados á súa idade.
Tamén se instalarán randeeiras inclusivas e para bebés, xogos xiratorios con temática mariña e outros elementos pensados para asegurar a diversión de todos.
Segundo explicou o concelleiro Marcial García, é fundamental ofrecer ás familias espazos públicos de calidade, que conviden o xogo, a convivencia e a creatividade, e que estean adaptados a todas as idades e capacidades.
Esta actuación enmárcase dentro dun plan máis amplo do goberno local para modernizar as áreas de xogo do municipio.
Entre outras accións, destacan a construción da pista pump-track, a renovación do parque infantil da Seca, a nova pista multideportiva en Vilariño, a adquisición de terreos para o primeiro parque infantil público en Samieira, ou os avances na remodelación do parque Costa Giráldez, en Lourido, con outra proposta temática vinculada ao mar.
A transformación do parque de Ánkar promete converterse nun novo punto de encontro para as familias e nun espazo de xogo cheo de aventuras para os máis pequenos.