Pechan ao tráfico as rúas Raíña Vitoria e Alameda para instalar as barracas das festas

Pontevedra
07 de agosto 2018

A Policía Local alerta de que posiblemente durante os primeiros días se produzan retencións na circulación debido a estes cambios. Permanecerá instalado valado de sinalización. A modificación ou alteración destes sinais será sancionada con 3.000 euros

Avisos do peche da rúa Alameda
Avisos do peche da rúa Alameda / Paula Sanmartín

A partir das 23.00 horas deste martes 7 péchanse ao tráfico as rúas Raíña Vitoria e Alameda. A Policía Local avisa da posibilidade de que se rexistren retencións de tráfico debido aos cambios de circulación que veñen derivados deste peche necesario para a instalación das atraccións e as barracas das festas da Peregrina.

Os puntos máis conflitivos serán, á primeira hora da mañá, as entradas pola Ponte da Barca e por San Roque. Por este motivo, a Policía Local recomenda o acceso a través de Domingo Fontán.

A media mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas, espérase concentración de tráfico en Eduardo Pondal cara a Uxío Novoneira, Cobián Areal e  Benito Corbal. Establecerase un dispositivo especial de vixilancia con desvíos ocasionais.

Ao redor das 13.00 horas, debido á suma de vehículos que buscan a saída da cidade cara ás zonas de praias, as retencións agárdanse na zona de Xeneral  Rubín, avenida de María Vitoria Moreno (antiga Fernández Ladreda) e Manuel do Palacio cara á Ponte das Correntes. Recoméndase utilizar a AP9 como alternativa para desprazarse entre o norte e o sur da cidade.

COIDADO COS VALOS DE SINALIZACIÓN

A Policía Local alerta de que se instalarán valos con sinalización na contorna de Raíña Vitoria e da Alameda. Estes valos buscan, principalmente, garantir a seguridade dos peóns. 

As persoas que modifiquen, alteren, oculten ou retiren estas sinalizacións expóñense a multas de 3.000 euros. Tamén se sancionará a aqueles condutores que pasen por unha zona con sinal circunstancial de prohibición cunha multa de 200 euros.