Un incendio obrigou a mobilizarse á primeira hora da mañá deste domingo aos servizos de emerxencia nun enclave como a praia de Tulla, en Beluso.
Unha persoa, ocupante dunha caravana estacionada no aparcadoiro do areal, resultou ferida con queimaduras.
Tivo que ser evacuado ao hospital por efectivos do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o primeiro aviso polo incendio produciuse pouco despois das 7.30 horas da mañá.
Explicaron varios particulares que, despois de escoitarse unha explosión, estaba a arder un galpón en Tulla.
Até o lugar desprazáronse os Bombeiros do Morrazo, comprobando á súa chegada que o lume afectaba ademais a unha caravana.
Relata o 112 que a dotación dos bombeiros explicou que tanto o galpón como a propia caravana arderon completamente, sen poder clarificar cal fora a causa do incendio.
No operativo de emerxencia participaron tamén efectivos da Policía Local de Bueu e da Garda Civil.