"O pico de gripe este ano adiántase e vai coincidir, máis ou menos, co inicio do Nadal"

Pontevedra
06 de decembro 2025
Actualizado: 10:18

Coincidindo coa xornada de vacinación convocada para nenas e nenos até 11 anos, o xerente da área sanitaria fai balance do pico de infeccións respiratorias: "nada alarmante", de momento

Vacinación de poboación infantil na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Vacinación de poboación infantil na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés / Sergas

A Consellería de Sanidade citou entre este venres 5 e este sábado 6 a 2.100 nenas e nenos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a unha convocatoria extraordinaria para reforzar a vacinación fronte á gripe.

Coincidindo con esta vacinación á poboación infantil de entre 6 meses e 11 anos de toda Galicia, o xerente da área sanitaria, José Flores, fixo balance da sItuación.

O xerente lembrou que os expertos da Dirección Xeral de Saúde Pública avisan de que "o pico de gripe este ano adiántase e vai coincidir, máis ou menos, co inicio das datas de Nadal, nas que nos reunimos cos nosos familiares queridos e moitas veces cos nosos maiores".

José Flores lembrou que a área sanitaria xa ten despregado o seu 'plan de inverno', deseñado cada ano polos profesionais sanitarios para "enfrontarse da mellor forma posible" á campaña da gripe, "tanto a nivel eficiencia, eficacia e, por suposto, calidade de asistencia para os nosos pacientes".

Como é habitual nestas datas, tamén este ano "acumúlanse unha chea de virus respiratorios", que fan que a poboación acuda máis aos servizos de de atención primaria, aos servizos hospitalarios de urxencias e a especialidades como pneumoloxía ou medicina interna.

Cada ano, hai maior afluencia e maior hospitalización, aínda que este 2025 continúan no nivel 1 do plan, que implica "un incremento do número de pacientes" en atención primaria e urgenicias, pero unha porcentaxe de hospitalizacións do que di que é "nada alarmante".

Si recoñece que hai estes días unha porcentaxe de ingresos "un pouco superior a hai aproximadamente 1 mes" e que "temos moita xente xa con gripe", pero matiza que "non ten complicacións importantes, polo menos, de momento".

Flores fixo esta fin de semana un novo chamamento á vacuación fronte á gripe e a covid-19, lembrando que a vacina "fai de protección non soamente da persoa, senón de protección tamén da comunidade, dos nosos achegados".

Vacunación contra la gripe de población infantil en el área sanitaria de Pontevedra y O Salnés
Vacinación contra a gripe de poboación infantil na área sanitaria de Pontevedra e O SalnésSergas