Piden a Lores non usar animais na Cabalgata de Reis

Pontevedra
26 de decembro 2019

Nos últimos anos o Concello contratou o uso de dromedarios, cabalos e camelos para o pasacalles. Libera! propón a substitución por outras actividades "que non xeren unha falsa imaxe dos animais"

Cabalgata de Reis en Pontevedra 2017
Cabalgata de Reis en Pontevedra 2017 / PontevedraViva

A Asociación Animalista Libera reclamou este xoves ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que non contrate o uso de animais vivos para a Cabalgata de Reis co obxectivo de seguir avanzando cara a un municipio máis amigable cos animais, lembrando ademais que o pleno declarou Pontevedra contraria ás corridas de touros e ao uso de fauna en espectáculos circenses con diferentes mocións.

Así, os animalistas sinalan como antecedente negativo o uso de renos durante o desfile realizado en Ourense, "onde a pésima imaxe ofrecida xerou centos de comentarios negativos e unha mala fotografía da cidade", segundo afirma Libera!. Isto é algo que os animalistas propoñen evitar en Pontevedra substituíndo os animais por actividades teatralizadas.

Lembran ademais que o uso de animais vivos durante o desfile, tal e como se realizou nos últimos anos, implica o emprego da praza de touros, o que para os defensores dos animais acaba xustificando novamente "un convenio gravoso para a cidadanía".

Neste sentido a ONG iniciou unha campaña para prohibir o uso de animais en desfiles, seguindo a liña marcada pola Lei de Benestar Animal de Galicia que xa veta a súa explotación en "espectáculos circenses" e entendendo que estas prácticas son "lesivas no plano físico e psíquico da fauna, tal e como alertan os expertos", conclúen.