Mentres en boa parte do país os concellos compiten por ver quen cega antes aos satélites con quilómetros de luces LED, no barrio vilagarcián do Piñeiriño presentan a aldea de Nadal máis pequeno do mundo.
A historia comezou en 2023, cando o barrio decidiu plantar a árbore de Nadal máis pequena de España. Foi unha sátira medida ao micrómetro contra a inflación lumínica, o malgasto enerxético e esa absurda carreira por ter "o máis grande".
Ao ano seguinte, lonxe de conformarse, O Piñeiriño foi máis aló e presentou a árbore de Nadal máis pequena do mundo, tan diminuta que necesitou máis ciencia que bólas de cores e que hoxe aspira, con modestia microscópica, a converterse en Record Guinness.
Entón alguén pronunciou a frase que nunca debe dicirse en voz alta: "máis pequena xa non se pode". E, como adoita pasar, estaba rotundamente trabucado.
Este 2025, o barrio asume o reto e presenta a aldea de Nadal máis pequena do mundo. Unha aldea enteira. Con casas invisibles a primeira ollada e dous símbolos da paz claramente recoñecibles, porque se algo está a crecer sen control ultimamente non é precisamente o espírito do Nadal, senón as guerras.
O proxecto volve contar coa colaboración do MERLN Institute da Universidade de Maastricht. O deseño corre novamente a cargo dos científicos Adrián Seijas Gamardo e Elisabetta Avizzano.
De modo que mentres outros iluminan o ceo, no Piñeiriño empéñanse en iluminar conciencias reclamando máis ciencia, menos guerra e o fin do xenocidio.
A árbore de Nadal máis pequena de España (2023), a árbore de Nadal máis pequena do mundo (2025) e a Aldea de Nadal máis pequena do mundo (2025) poden visitarse no Centro Cultural Breogán (Rúa Fermín Bouza-Brey número 7, Vilagarcía de Arousa).