A plantación de oliveiras no parque forestal da Tomba, previa á súa explotación pola Comunidade de Montes de Campañó, está practicamente rematada. Nunha superficie de 3,5 hectáreas chantáronse preto de 3.000 exemplares.
Trátase dunha experiencia piloto, que conta co asesoramento da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG), para estudar a adaptación das castes propias de oliveira de Pontevedra ao terreo e as posibilidades de explotación, de cara a producir aceite autóctono baixo selo de calidade certificado.
Este venres visitaban a plantación de oliveiras no parque forestal da Tomba o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña; polo presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia, José Antonio García; polo presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez; e por responsables da empresa adxudicataria Elsamex, así como técnicos municipais,
Miguel Anxo Fernández Lores, tras coñecer o estado da plantación e o proceso de obtención do aceite, comentaba que "esta experiencia piloto nos parece interesantísima porque vai no camiño de buscar alternativas para o sector primario, que está absolutamente desaproveitado, e para o monte, que maioritariamente está destinado a eucaliptos ao que non se lle saca rendibilidade".
Así mesmo, o rexedor pontevedrés insistía en que "o Concello de Pontevedra aposta por un investimento nos montes periurbanos porque pensamos que a longo prazo vai dar resultado, porque mellora a calidade de vida dos veciños, mellora o lecer, e tamén está abrindo camiños cara a novas actividades económicas que teñen moito que ver coas especies autóctonas, coa ecoloxía e coa calidade".
Sobre os traballos da actuación completa no parque forestal da Tomba, Fernández Lores lembraba que todos os labores de limpeza e eliminación de especies invasoras se realizaron a través de métodos físicos, sen utilizar ningún tipo de produto químico, e que a plantación de novas árbores, de ao redor de 25.000 novos exemplares, atrasará o prazo de finalización en aproximadamente un mes.
O alcalde explicaba que a plantación prevista para a pasada primavera, ao coincidir coa paralización de actividades non esenciais, fixo que as árbores tivesen que ser aviveiradas e posteriormente replantadas na Tomba, unha fórmula que finalmente non deu os resultados agardados. Xa que logo, as árbores que non prenderon, deberán ser substituídas por outras novas nos vindeiros meses, o que implicará unha prórroga no prazo de finalización desta actuación.