O Pleno de Poio aproba a modificación puntual das ordenanzas de edificación do PXOM

Poio
30 de maio 2025
Actualizado: 16:07

O documento será remitido agora á Xunta de Galicia para continuar coa súa tramitación

Vista aérea de Poio
Vista aérea de Poio

O pleno do Concello de Poio aprobou por unanimidade da modificación puntual das ordenanzas de edificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A última versión do documento, que inclúe as alegacións e contribucións recollidas durante o trámite de información pública, será remitido agora á Xunta de Galicia para continuar coa súa tramitación.

A responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, subliñou a importancia deste trámite, xa que é "a maneira de ter unhas ordenanzas adaptadas á Lei do Solo de Galicia vixente, ao regulamento que a desenvolve, en definitiva, axeitadas para abordar a realidade actual urbanística, económica e humana do noso concello".

Entre as principais melloras que inclúe a nova versión das ordenanzas, destaca a redución da fronte mínima de 12 a 6 metros nas ordenanzas 5 e 6, referidas a vivendas unifamiliares: É un cambio que beneficia á gran maioría de veciños e facilita a construción de vivenda e a edificabilidade en solares con falta de fronte á vía pública.

Outras novidades son á introdución dos muros de contención e a posibilidade de realizar recheos ou vaciados para nivelar os terreos, así como a inclusión de elementos como marquesiñas, pérgolas e outras que non atopaban reflexo ata o de agora, e a actualización das referencias á normativa de habitailidade.

"En resumo", subliñou Cochón durante a súa intervención no Pleno en defensa deste documento: "Melloramos de forma consensuada o Urbanismo de Poio e hoxe damos un paso en dirección á aprobación definitiva, que redundará en beneficio de todas".

A edil agradeceu a unanimidade dos grupos e indicou que "o urbanismo é un ámbito no que cómpre ser, aínda máis se cabe, construtivos". 

Cochón quixo destacar o interese do goberno "queremos que a veciñanza e o tecido económico perciban como o urbanismo avanza e fai avanzar ao concello".

Para iso, enumerou algunhas xestións do goberno local coma o desatascamento do proxecto para construir 27 vivendas unifamiliares en Boavista, a primeira modificación puntual do mandato para dar uso aos terreos baldíos da antiga Finca da Coca-Cola ou a posta en marcha do Visor Urbanístico, entre outras medidas.