O Concello de Soutomaior aprobou este venres, nun pleno extraordinario, o orzamento municipal para 2026, que ascende a 6,2 millóns de euros.
As contas saíron adiante cos votos favorables do Goberno local, que encabeza o alcalde Manu Lourenzo, e foron rexeitadas polo grupo municipal do PP.
Lourenzo subliñou que o documento económico cumpre os principios de estabilidade orzamentaria, sustentabilidade financeira e o límite de gasto non financeiro.
O rexedor destacou que todas as partidas presentan un incremento respecto ao exercicio anterior, incluído o plan de investimentos, que supera o medio millón de euros.
O alcalde insistiu en que o aumento das partidas non suporá unha maior carga para a veciñanza. "Sen subir ningún imposto nin taxa, agás aqueles que son obrigatorios por imperativo legal", explicou. Indicou tamén que o IAE, o ICIO e o IBI contarán con bonificacións para favorecer a implantación de novas empresas no municipio.
Segundo Lourenzo, Soutomaior atópase nun "bo momento económico", con máis de 4 millóns de euros en obras e investimentos en marcha, e máis de 2,4 millóns en subvencións concedidas. "Temos unha axenda rompedora e iso define a nosa maneira de facer", afirmou.
Pola contra, o PP local mostrouse moi crítico coas contas aprobadas, cualificándoas de "superficiais, ineficientes e incapaces de dar resposta ás necesidades do concello". O concelleiro Francisco Iglesias cuestionou que o Goberno municipal presuma duns orzamentos "aparentemente moi inchados" e preguntou "de onde vai saír o diñeiro para afrontar ese gasto". El mesmo respondeu: "Do sablazo no recibo do lixo que imos volver a recibir todos os veciños".
O edil popular afirmou que as grandes actuacións en marcha se deben "á solidariedade da Xunta e da Deputación", e denunciou que o plan de investimentos municipal se reduce un 24% respecto ao ano anterior. Isto, ao seu xuízo, evidencia que "o concello non fai un esforzo propio e depende completamente doutras administracións".
Iglesias sinalou que o 92% do gasto do orzamento destínase a cubrir gastos correntes, deixando só un 4% para investimentos, unha cifra que considera "ridícula para un concello que presume de proxectos e de transformación". Tamén criticou un "descenso nas políticas sociais fronte a un aumento desmedido en festas", así como a ausencia de partidas para a depuradora ou o centro de saúde.
O PP denuncia ademais que nos orzamentos non aparece asignación económica para varios proxectos anunciados polo BNG, como o servizo de transporte a demanda nos barrios, a eliminación de barreiras arquitectónicas, as aulas de estudo na biblioteca, a reforma da praza de abastos de Arcade, a recuperación do rally Subida ao Verdugo, a mellora da área de autocaravanas ou o impulso ao parque industrial.