Poden multar por fumar na praia de Lourido?

Poio
11 de xullo 2022

No concello de Poio son oito os areais que, como Lourido, forman parte da iniciativa "Praias sen fume", impulsada pola Xunta de Galicia e que busca concienciar e educar sobre os beneficios medio ambientais que se acadan para os espazos libres de tabaco

Policía Local de Poio na praia de Lourido
Policía Local de Poio na praia de Lourido

Por quinto ano consecutivo, o Concello de Poio adhírese ao programa medio ambiental Praias sen Fume. Esta iniciativa, impulsada polo Servizo Galego de Saúde, busca promover espazos libres de tabaco nas praias. 

O alcalde, Luciano Sobral, salienta que o municipio poiense conta con oito areais inscritos nesta iniciativa, que son Xiorto, O Laño, Cabeceira, Covelo, Lourido, Raxó, Area da Barca e Sinás. 

O rexedor lembra que Poio atópase entre os concellos costeiros de Galicia cun maior número de praias integradas no programa, só por detrás doutras vilas como Sanxenxo ou Boiro.

Pero, poden multar por fumar na praia de Lourido? A resposta dáa o propio alcalde ao apuntar que "se trata dunha iniciativa que ten un espírito formativo e de concienciación e educación, sendo o seu cumprimento voluntario". Polo tanto o seu incumprimento non conleva sanción.

O Concello de Poio leva xa un lustro implicándose nesta campaña, que ten coma obxectivos promover unha vida sen tabaco e formar unha rede de areais libres do mesmo, promovendo espazos que respecten e coiden o medio ambiente. Sobral sinala que cada unha destas praias conta co seu correspondente panel ou bandeira acreditativa, nas que de xeito regular se procede ao reparto de folletos informativos. 

O feito de que máis da metade dos areais habilitados como zonas de baño formen parte da rede Praias Sen Fume fai que o Concello de Poio estea na categoría de prata.

"Imos continuar traballando para que o vindeiro ano consigamos a categoría de ouro, para o cal teñen que estar todos os areais incluídos no programa", anuncia Luciano Sobral, que incide en que "o éxito desta iniciativa está na implicación dos e das bañistas". 

As praias habilitadas para o baño no concello de Poio son Raxó, Xiorto, Sinás, Fontemaior, Covelo, Area da Barca, Ouriceira, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, O Padrón, Campelo, Lourido , Cabeceira e O Laño. 14 destes 15 areais contan coa máxima calidade nas súas augas.

Só O Laño se atopa no nivel de boa.