Poio modificará o PXOM para actualizar as súas normas urbanísticas

Poio
23 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O goberno local de Poio levará ao próximo Pleno da Corporación unha modificación puntual do Plan de Ordenación Municipal (PXOM) 

Vista aérea de Poio
Vista aérea de Poio

O goberno local de Poio levará ao próximo Pleno da Corporación, previsto para o día 26 de marzo, unha modificación puntual do Plan de Ordenación Municipal (PXOM).

Con esta medida preténdese adaptar as normas urbanísticas do municipio "á lexislación vixente e ás necesidades dá veciñanza", asegura a concelleira delegada de Urbanismo, Rocío Cochón.

Asegura a edil que a modificación puntual da normativa pretende aclarar unha serie de deficiencias e omisións do PXOM do ano 2000. Tamén permitirá adaptar a norma urbanística á nova lexislación, como a Lei do Solo de Galicia do ano 2016, e definir e regularizar usos que no seu momento non se recolleron, como sanitario, educativo, sociocultural ou deportivo.

"Ter unhas normas urbanísticas claras e completas é fundamental para a actividade económica, para a tranquilidade da veciñanza e para que Poio poida seguir crecendo", afirma Cochón.

Entre outros preceptos a modificación introducirá os complexos inmobiliarios, unha figura que permitirá solucionar problemáticas en vivendas xa construídas. Tamén aclarará a normativa en aspectos como os muros de contención, os accesos a determinados terreos e outros aspectos técnicos. Ademais, definiranse os aparcamentos disuasorios e os lugares onde se poden habilitar.

A maiores, reducirase o frontal mínimo para as vivendas unifamiliares de 12 a 6 metros, o que ampliará as posibilidades edificatorias de parcelas nas que hoxe non se podería construír.

Por último outra das cuestións máis relevantes que introducirá a modificación do PXOM é a regulación dos usos turísticos ou de aloxamento. 

De ser aprobado o novo texto, como é de esperar pola maioría que ostenta o Partido Popular, a tramitación continuaría coa súa remisión á Consellería de Medio Ambiente.