Poio pecha o Nadal cunha elevada afluencia ás súas actividades culturais

Poio
07 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:20

O alcalde, Ángel Moldes destaca que este Nadal "consolida a Poio como un dos destinos destacados destas festas en Galicia"

Concerto de Pica Pica en Poio
Concerto de Pica Pica en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio realizou un balance positivo da programación do Nadal desenvolvida entre finais de novembro e as primeiras semanas de xaneiro, marcada por unha ampla asistencia de público e unha elevada implicación de colectivos locais.

As actividades distribuíronse por todo o municipio e combinaron propostas culturais, infantís e de lecer dirixidas a diferentes franxas de idade.

Segundo trasladou o alcalde, Ángel Moldes, o goberno local apostou nos últimos anos por reforzar a oferta do Nadal co obxectivo de converter Poio nun punto de referencia durante estas datas. O rexedor sinalou que, ao seu xuízo, esta estratexia contribuíu a atraer visitantes tanto doutros municipios da provincia como de distintos puntos de Galicia, ademais de favorecer que a propia veciñanza permanecese no municipio durante as celebracións.

Entre os principais espazos do programa destacaron as sete Aldeas de Nadal, situadas en distintos enclaves do termo municipal, e a carpa Poio Máxico, que acolleu espectáculos e actividades familiares. Desde o Concello estímase que miles de persoas pasaron por estes espazos ao longo das últimas semanas, atraídas tanto pola decoración como pola programación cultural.

O goberno local subliña tamén o papel das asociacións e entidades do municipio, que participaron activamente na organización e desenvolvemento dos actos, así como a colaboración de centros educativos, ANPAS, comparsas, grupos musicais e voluntariado.

No caso de Combarro, o Concello destaca a colaboración coa Asociación Cultural Leucoíña na organización do Mercado de Nadal e das celebracións de TardeNova e TardeVella, que rexistraron unha elevada afluencia de visitantes.

Desde o ámbito económico, o alcalde indicou que parte do comercio e a hostalaría local mantiveron a súa actividade durante o mes de decembro, algo que, segundo o Concello, estivo vinculado ao incremento de visitantes e ao ambiente xerado pola programación do Nadal. Algúns establecementos hostaleiros de Combarro alcanzaron o cheo en determinadas xornadas.

O Concello agradeceu finalmente o traballo dos servizos municipais implicados, en especial as áreas de Cultura e Educación, así como a colaboración de Protección Civil, empresas patrocinadoras e veciños que participaron na decoración de rúas e vivendas en diferentes parroquias do municipio.