O Concello de Poio xa está a ultimar os detalles da programación para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller.
Este ano, como en edicións anteriores, o municipio porá en marcha un amplo abanico de actividades ao longo de todo o mes de marzo, co obxectivo de visibilizar o papel da muller na sociedade e promover a igualdade de xénero.
Un dos actos centrais será a homenaxe a cinco mulleres referentes de Poio, que serán recoñecidas pola súa traxectoria persoal, social ou laboral, e que son un exemplo da participación da muller na sociedade.
Segundo indicou a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, o acto "especial e emotivo" celebrarase o 7 de marzo no Pazo de Bicada.
Ademais da homenaxe, a programación incluirá accións destinadas aos centros de ensino xa que "a educación é fundamental para avanzar cara a unha igualdade real e efectiva desde as xeracións máis novas".
O resto de datas e actividades programadas serán anunciadas durante as próximas semanas.
Ademais, durante o Consello da Muller, seleccionaron a asociación Mulleres do Mar como colectivo para representar ao Consello na Mesa local de Turismo.
Doutra banda, o Concello de Poio entregou o cadro solidario deste ano, obra de Faustino Ucha, a Lidia Díez Arias, veciña da Caeira e gañadora do sorteo que permitiu recadar fondos destinados a fins sociais.

Natividad Torres mostrou o seu agradecemento a Ucha, polo seu xesto e colaboración ano tras ano, e tamén a Lidia Díez por participar nesta iniciativa.
Este ano Ucha recolle na súa pintura unha escena da ría presidida pola illa de Tambo na que predominan os azuis intensos e os laranxas dunha posta de sol.