Tras quince anos de espera, a urbanización Pazo Besada, en Andurique, volverá cobrar vida.
A Comisión de Urbanismo do Concello de Poio aprobou a licenza para reactivar as obras dos edificios número tres e catro, que permitirán construír 52 novas vivendas e rematar coas estruturas inacabadas que xeneraban incomodidade e riscos na zona.
Nos próximos días, a decisión será ratificada pola Xunta de Goberno.
A tramitación contou coa resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e meses de traballo con promotores e técnicos para desbloquear o expediente.
Originalmente, o proxecto contemplaba 150 vivendas e garaxes en tres fases, das que só se completaran as dúas primeiras en 2010 e 2013.
Agora, coa terceira fase en marcha, a urbanización quedará totalmente rematada, mellorando tanto a estética como a seguridade de San Salvador e, especialmente, do propio pazo.
A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, visitou a zona para comprobar o estado dos edificios sen rematar e destacou a importancia da reactivación:
"É sempre é unha boa noticia poder informar de que un proxecto tan agardado volve poñerse en marcha", sinalou a edil.
Para ela, a finalización da urbanización beneficiará non só aos actuais residentes, senón tamén á veciñanza da contorna, ao tempo que xerará emprego, actividade económica e novos fogares.
Nos últimos dous anos, o Concello tamén reactivou outros proxectos abandonados e tramitou novas licenzas, o que permitirá dotar a San Salvador de 240 novas vivendas.
Paralelamente, mantense colaboración coa Xunta de Galicia para ampliar o parque de vivenda pública na contorna.
Cochón destacou o esforzo do goberno local porque "atraemos novos veciños, novas empresas e investimentos, e o urbanismo ten un papel determinante nese atractivo".