Poio reivindica o vínculo de Frei Martín Sarmiento coa Illa de Tambo

Poio
14 de setembro 2024

As Xornadas sobre Frei Martín Sarmiento congregan a preto de cen persoas o venres no Casal de Ferreirós nunha charla do catedrático Marcelino Agís e outro cento o sábado para unha visita á Illa de Tambo para conmemorar a viaxe de Sarmiento en 1745

Xornadas sobre Frei Martín Sarmiento na Illa de Tambo Concello de Poio

As Xornadas sobre Frei Martín Sarmiento organizadas pola Irmandade Illa de Tambo en colaboración co Concello de Poio reivindicaron esta fin de semana o legado do Padre Sarmiento e o seu vínculo co municipio, en especial coa Illa de Tambo.

Contaron coa participación de preto de 200 persoas, que conmemoraron o paso do benedictino por Poio camiño a Compostela en setembro de 1745.

As xornadas comezaron o venres no Casal de Ferreirós, cunha charla a cargo do escritor e filósofo Marcelino Agís titulada 'O Padre Sarmiento e Tambo: as viaxes dun frade ilustrado', na que o catedrático e decano da Facultade de Filosofía na Universidade de Santiago, debullou a traxectoria de Sarmiento e a súa especial relación con Tambo, á que visitou en distintas ocasións e á que se referiu varias veces nos seus escritos.

Este sábado pola mañá pola súa banda as xornadas pecháronse cunha visita guiada á propia illa, na que os participantes a percorreron seguindo as anotacións realizadas polo frade no seu diario de viaxe hai case 300 anos.

A visita finalizou co descubrimento dunha placa conmemorativa da presenza de Sarmiento en Tambo nun pequeno acto onde se reivindicou a súa figura.

"Hoxe, case tres séculos despois, volve a Tambo para quedar", resaltou en representación do goberno local a concelleira Rocío Cochón satisfeita pola oportunidade de unir dous "tesouros do patrimonio de Poio", como son a Illa de Tambo e o legado do Padre Sarmiento, en particular a Variante homónima do Camiño de Santiago.