A Policía ensina a evitar estafas ás empresas do Porto de Marín

Marín
08 de xaneiro 2026

A iniciativa enmárcase na campaña impulsada pola Unidade Central de Participación Cidadá e está a atopar unha notable acollida entre o tecido empresarial da zona

nodo
nodo / Policía Nacional

Axentes da Comisaría da Policía Nacional da localidade levan meses percorrendo empresas para impartir charlas informativas centradas na prevención de estafas no ámbito empresarial.

A iniciativa enmárcase na campaña impulsada pola Unidade Central de Participación Cidadá e está a atopar unha notable acollida entre o tecido empresarial da zona.

Especialmente activa está a ser a resposta das empresas asentadas no Porto de Marín. A última en sumarse ao programa foi o estaleiro NODOSA, firma de referencia na construción e reparación naval de todo tipo de buques, cuxos traballadores recibiron formación específica para identificar e frear as fraudes máis habituais.

A participación de NODOSA non é casual. No ano 2025, a empresa foi obxectivo dunha tentativa de estafa que, por fortuna, non chegou a consumarse. O método empregado foi o coñecido como a "estafa do CEO", unha fraude financeira sofisticado que se converteu nunha das maiores ameazas para as compañías.

Este tipo de engano comeza cun minucioso traballo previo por parte dos delincuentes, que analizan a estrutura interna da empresa a través de redes sociais, páxinas web corporativas e organigramas.

Unha vez identificadas as persoas con capacidade de decisión e acceso a fondos, os estafadores suplantan a identidade dun alto directivo, habitualmente o CEO ou o responsable financeiro, e envían correos electrónicos case idénticos aos orixinais. A mensaxe adoita apelar á urxencia e a confidencialidade, reclamando pagos inmediatos por supostas operacións críticas ou facturas pendentes.

Baixo esa presión, o empregado pode chegar a ordenar a transferencia a unha conta nova que, tras o pago, desvía o diñeiro ao estranxeiro, dificultando enormemente a súa recuperación.

Tras finalizar as charlas formativas, o xefe da Comisaría de Marín e o axente responsable de Participación Cidadá desprazáronse á sede de NODOSA, no Porto de Marín, onde mantiveron un encontro co responsable de recursos humanos da empresa. Un xesto que reforza a mensaxe de proximidade e colaboración entre a Policía Nacional e o tecido empresarial local, co obxectivo común de adiantarse aos delincuentes e evitar que as estafas cheguen a consumarse.