Axentes da Policía Local de Poio presentaron unha denuncia ante Inspección de Traballo pola actuación do Concello en relación co recoñecemento médico anual do persoal municipal.
Así, estes axentes indican que en 2024 a Policía Local foi o único departamento do Concello de Poio que non se someteu ao obrigado recoñecemento.
Segundo sosteñen, "non se lle comunicou o seu dereito a realizalo, sendo este obrigatorio". Ningún dos membros do persoal foi convocado, nin se lle realizou o ofrecemento para realizalo, coma si ocorreu co resto de persoal.
Desde o Concello de Poio, a preguntas de PontevedraViva, remítense a un informe do servizo de persoal e contratación polo que se matiza que non se realizou o recoñecemento aos policías municipais pola "inexistencia de resposta das demandas realizadas polo Servizo de Persoal ao xefe da Policía Local".
Estes funcionarios lamentan o "trato degradante do goberno" e a "falta de preocupación" polo persoal municipal e pola seguridade das veciñas e veciños de Poio.
Representantes sindicais da Policía Local sosteñen que en outubro advertiron por escrito á Alcaldía e ao delegado de persoal de que non o citaron ao recoñecemento e pediron "emendar esta discriminación".
Segundo aseguran, non os convocaron e o escrito non obtivo resposta, de modo que "os axentes se viron obrigados a pedir amparo ante o Defensor do Pobo para que devandita contestación fose efectiva".
Finalmente, decidiron ir a Inspección de Traballo pola "gravidade" dos feitos e porque consideran que "está totalmente inxustificado".
Ademais, os sindicatos avanzan que van solicitar ao secretario municipal que emita un informe sobre os feitos e "a motivación de privar deste dereito fundamental aos axentes".
En resposta á administración local, que lles argumentou que non foi posible a localización dos axentes como noutros anos, destacan que todos os axentes teñen asignados correos corporativos, así como un teléfono de contacto de servizo, e que tamén poden ser localizados nas dependencias policiais.
O CONCELLO PEDIU DATOS EN DECEMBRO
Desde o Concello aclaran que o Servizo de Prevención asigna tres días para a realización de recoñecementos en dependencias municipais. Para poder pór as citas, é preciso contar con información de calidade das quendas que teñen asignados e pediron esa información, pero non se lles facilitou.
Indican que nos últimos recoñecementos asignáronse datas e horas nas que estes axentes non tiñan servizo, non asistiron e logo solicitaron unha nova citación, "cargando ao servizo de persoal de dobre traballo, que se podería liquidar cunha xestión eficaz se se dispón de toda a información".
Segundo explican fontes municipais, en decembro o Servizo de Persoal solicitou por correo electrónico á dirección electrónica da Policía Local a entrega das quendas anuais dos axentes, pero non lle remitiron o cuadrante.