A Policía Local de Sanxenxo avisa: fará controis aleatorios diarios de alcol e drogas en Nadal

Sanxenxo
09 de decembro 2025

O corpo policial adhírese á campaña de control de alcol e drogas da DXT entre o 16 e o 22 de decembro e logo manterá os controis co obxectivo de baixar a sinistralidade viaria

Control da Policía Local de Sanxenxo
Control da Policía Local de Sanxenxo /

Durante todas as festas do Nadal, a Policía Local de Sanxenxo realizará controis aleatorios diarios de alcol e drogas.

Así o deu a coñecer o Concello de Sanxenxo, que avanzou que os controis se realizarán en cada quenda por períodos curtos e en distintos puntos do municipio.

A Policía Local adhírese á campaña de control de alcol e drogas da DXT nos días previos ao Nadal, nos que se celebran gran cantidade de reunións con familiares e amigos onde o alcol adoita estar presente.

A iniciativa da DXT concéntrase entre o 16 e o 22 de decembro, pero en Sanxenxo ampliarase a todas as festas do Nadal co obxectivo de tratar de baixar a sinistralidade viaria.

Desde o Concello indican que campañas como esta seguen sendo importantes xa que o consumo deste tipo de sustancias segue sendo, ano tras ano, un do tres factores principais de risco nos sinistros de tráfico, tanto nos mortais como nos sinistros con vítimas.

Estivo presente no 13% dos sinistros de tráfico con vítimas en 2023 e, como factor concorrente, no 26% daqueles que rexistraron vítimas mortais, con 246 casos asociados.

O Concello indica que a sociedade avanzou moito na concienciación dos riscos que entraña o consumo de alcol e/ou drogas ao volante, pero as cifras anteriormente mencionadas "pon de manifesto que este tipo de campañas seguen sendo imprescindibles para afianzar a idea de que, na estrada, a única taxa segura é 0,0%".