Ponte Caldelas debaterá unha moción para reclamar á Xunta e Deputación un cambio do mapa de emerxencias

Ponte Caldelas
22 de agosto 2017

Na moción pídese que se remate coa "zona de sombra", que provoca que os bombeiros tarden dúas horas en chegar aos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro

Vehículo suspendido a punto de caer por un barranco en Laxoso, Ponte Caldelas
Vehículo suspendido a punto de caer por un barranco en Laxoso, Ponte Caldelas / Bombeiros do Morrazo (arquivo)

O pleno de Ponte Caldelas debaterá unha moción dirixida á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial para esixir o inicio dun proceso de diálogo co obxectivo de modificar de inmediato o mapa de emerxencias e, deste xeito, evitar que os bombeiros tarden dúas horas en acudir a unha alerta na denominada "zona de sombra", que afecta os municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro.

O texto da moción, que será apoiada polo grupo de goberno, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, indica que a cidadanía de Ponte Caldelas se sente indefensa ante este servizo cuxa eficacia radica no tempo de resposta.

Reclámase unha modificación inmediata do modelo actual que fora acordado entre o ex presidente da Deputación, Rafael Louzán e o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Desde Ponte Caldelas se aposta por un mapa de isócronas que garanta un máximo de espera de 20 minutos para todo o territorio provincial.

A moción solicita unha negociación para que se comarcalicen os parques municipais de Vigo e de Pontevedra para poder mellorar os tempos de resposta. Ademais pide que se escoite aos concellos implicados.

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, sinala que a Xunta e a Deputación están a se botar a culpa unha á outra "mentres o risco continúa". O rexedor lembra que nos concellos de menos de 20.000 habitantes a atención aos incendios corresponde tanto á Xunta como á Deputación, como integrantes do Consorcio Provincial de Bombeiros. E engade que o mapa de emerxencias corresponde ao 100% á Xunta de Galicia.

Finalmente critica a actitude de Alfonso Rueda e do director xeral de Emerxencias, Luís Menor, por advertir que a Xunta non está disposta a asumir ningún custo a maiores. Ante esta resposta, Díaz indica que "parece que dan a entender que a vida e a seguridade da xente dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro non está nas súas prioridades".