Ponte Caldelas executa unha nova desinfección de estradas e camiños de aldeas

Ponte Caldelas
14 de abril 2020

Os operarios municipais céntranse na limpeza de toda clase de vías polas tardes e polas mañás ocúpanse da desinfección do centro urbano

Desinfección de aldeas en Ponte Caldelas
Desinfección de aldeas en Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas inicia unha nova rolda de desinfección polas parroquias do rural. Os operarios ocúpanse estes días da limpeza de decenas de camiños e estradas de 33 aldeas do municipio. Nas primeiras horas do operativo, os traballadores completaron xa a desinfección dos lugares de Regodobargo, Silvoso e A Insua.

Os empregados realizan este labor en horario de tarde axudados por un tractor con cisterna co que esparcen o líquido desinfectante na vía pública. Contan tamén cunha pequena bomba para realizar o traballo de forma manuel naqueles lugares nos que non pode entrar o tractor e cunha motobomba para repoñer o líquido.

Polas mañás, os empregados céntranse na desinfección do centro urbano prestando especial atención á contorna dos locais que están abertos para vender produtos de primeira necesidade, o centro de saúde ou centros de maiores, así como tendas de ultramarinos, carnicerías, farmacias, estancos ou gasolineiras.

Non é a primeira campaña de desinfección no rural. Hai dúas semanas interviñeron nos accesos a todas as vivendas do municipio, prestando especial atención ás manillas dos portais, timbres, caixas de correos, telefonillos, pasamanos ou botóns de ascensores.