Pontevedra aproba unha normativa para "deixar claro" como deben ser os 'lombos'

Pontevedra
28 de xaneiro 2019

Os 'lombos' terán, a partir de agora, unha normativa que regulará as características da súa instalación nos viarios municipais. Será unha instrución de carácter técnico que se deberá respectar obrigatoriamente cando se coloque un reductor de velocidade na calzada

Lombos
Lombos / Mónica Patxot

Os 'lombos' terán, a partir de agora, unha normativa que regulará as características da súa instalación nos viarios municipais. Así o anunciou o goberno municipal en rolda de prensa. Será unha instrución de carácter técnico que se deberá respectar obrigatoriamente cando se coloque un reductor de velocidade na calzada.

A edil Carme da Silva, que este luns actuou como portavoz do goberno, explicou que Pontevedra converterase na primeira cidade que aplicará unha normativa similar a esta, froito da "experiencia" acumulada nos últimos anos.

Esta normativa foi elaborada a partir dos informes dos propios técnicos municipais, da guía de espazos públicos e mobilidade amable da Deputación e do traballo de expertos como Fernando Nebot, responsable do borrador de ordenanza municipal de mobilidade. 

O obxectivo, segundo Da Silva, é que "quede claro" como deben ser estes elementos de acougado de tráfico en Pontevedra.

A instrución sobre os ' lombos' opta por reductores de velocidade que supoñan un cambio de rasante como pasos elevados, mesetas ou plataformas similares.

Ademais, determina que nunca serán instalados de maneira illada senón que deben formar parte de proxectos de mobilidade en toda a rúa para darlle "coherencia" a este tipo de intervencións para mellorar a seguridade viaria do municipio.

O Concello destaca que esta regulación fixa tamén as características dos ' lombos' que, en liñas xerais, sempre supoñerán elevar a rasante ao nivel da beirarrúa, terán que cubrir todo o ancho da calzada, especialmente nas vías do rural, e deberán permitir o paso de autobuses de plataforma baixa.

En canto á súa forma, os 'lombos' nunca poderán ter unha pendente media superior ao 10% nin picos por encima do 15%, terán que estar sinalizados e iluminados convenientemente, deberán espaciarse entre 25 e 100 metros -sendo 35 metros a distancia "máis axeitada" para o Concello- e non poderán estar compostos por dispositivos prefabricados.

A nova normativa, asegurou Carme da Silva, non obrigará a refacer os que xa se atopan instalados en Pontevedra e que "nunha ampla maioría" xa cumpren con todos os requisitos que se recollen neste regulamento.