A concelleira do Partido Popular en Pontevedra, Silvia Junco, denunciou o "abandono" que, ao seu xuízo, sofre o barrio residencial de Fontesanta por parte do goberno local.
A edil popular lembrou que en xullo de 2022 o pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción para impulsar un plan de mantemento integral na zona que, a día de hoxe, permanece "gardado nun caixón do despacho do alcalde".
Junco indicou que a situación do barrio "segue igual ou peor", asegurando que os problemas se agudizan pola falta de mobiliario urbano, os problemas na sinalización e iluminación, problemas de seguridade, á vez que incrementa a necesidade de reforzar a limpeza urbana ou a recollida de lixo.
Así mesmo, a concelleira incidiu na necesidade de actuar sobre as zonas verdes, mellorar o control de verteduras e recuperar instalacións como as canchas de tenis para o seu uso por parte da cidadanía.
Desde o PP apuntan que durante o actual mandato mantiveron reunións con veciños de Fontesanta para coñecer de primeira man as súas demandas e trasladarlles o que consideran unha "falta de vontade política" por parte do BNG.
Neste sentido, Junco lembrou que os nacionalistas modificaron a súa posición inicial en 2022, pasando de rexeitala na comisión informativa a aprobala na sesión ordinaria debido á presenza dos afectados no salón de plenos.
Catro anos despois, a edil popular lamenta que as reivindicacións continúan sen resposta e acusa o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de "incumprir a súa palabra".
"Desde o Partido Popular seguiremos á beira dos veciños de Fontesanta reclamando medidas urxentes de mantemento e mellora", concluíu.