Portonovo pon data para a súa undécima Festa do Jato

Sanxenxo
19 de xaneiro 2026

Será o sábado 21 de febreiro. A festa volverá encher as rúas de Portonovo de ambiente, participación e diversión, con centos de persoas disfrazadas de gatos

Festa do Jato en Portonovo
Festa do Jato en Portonovo / Concello de Sanxenxo

A undécima edición da Festa do Jato de Portonovo xa ten data. Será o sábado 21 de febreiro.

Así o confirmou a Asociación Rúa dos Viños de Portonovo, o colectivo que organiza unha cita que se consolidou como unha das festas máis divertidas do inverno en todo O Salnés.

A festa volverá encher as rúas de Portonovo de ambiente, participación e diversión, con centos de persoas disfrazadas de gatos e os seus traxes ou camisetas raxadas.

Un ano máis, non faltarán algunhas das súas actividades máis emblemáticas, como a popular carreira "Os jatos atrás dos ratos", o xa tradicional concurso de disfraces e a música por toda a rúa.

A organización traballa xa na programación completa da festa, que irá desvelando progresivamente a través das súas redes sociais.

A Festa do Jato converteuse cos anos nunha festa popular, familiar e moi arraigada, que atrae a miles de persoas tanto da comarca como doutros puntos de Galicia e de España.

Desde a organización animan a participar destes festexos e a colaborar para seguir facendo crecer a festa ano tras ano.