O Partido Popular de Caldas de Reis alerta dun "triste escurantismo" por parte do goberno local en relación ao trazado proposto polo Ministerio de Transportes para a Variante Oeste das estradas N-550 e N-640 e a conexión do porto de Vilagarcía coa AP9.
Segundo denuncia o voceiro popular, Fernando Pérez, o alcalde Jacobo Pérez está "ocultando" unha proposta "moi lesiva" para as parroquias de Saiar, Godos e Santa María, que suporía o derrubamento de varias vivendas e graves afeccións para outras propiedades.
Ademais, critica que o goberno local estea agochando o prazo de información pública e presentación de alegacións, que remata o luns 18 de agosto.
"No canto de estar facilitando información constante aos veciños, teñen esta iniciativa agochada nun caixón e desenvolven unha política marcada polo absoluto silencio", sinalou Pérez, quen advertiu que esta podería ser "un punto de non retorno para destrozar o noso municipio".
O edil popular contrapón esta actitude coa do veciño Concello de Portas, que xa celebrou unha reunión informativa coa veciñanza na primeira semana de exposición pública e ofreceu asesoramento aos afectados para presentar reclamacións.
"En Caldas xa se vai tarde porque apenas quedan once días, co absoluto pasotismo do goberno local", lamentou o concelleiro da oposición municipal.
Tras as preguntas formuladas polo grupo popular no pleno do martes 5 de agosto e a ameaza de solicitar un pleno extraordinario monográfico se non se convocaba unha Xunta de Voceiros, o alcalde comprometeuse a realizar unha reunión informativa para os veciños antes de que remate o prazo de alegacións.
Malia que Fernando Pérez expresou as súas "moitas dúbidas" sobre se o PSOE executará finalmente esta obra desde o Goberno central, considera necesario tumbar ou modificar este trazado, "xa que se pasa o estudo informativo quedaría consolidado e logo sería moi difícil de reverter".
O PP de Caldas insiste en que seguirá esixindo ao Ministerio que se remita á proposta de trazado aprobada por unanimidade no Pleno do Concello de Caldas de Reis anos atrás, e anuncia que liderará "a defensa dos dereitos dos veciños e do territorio" ante o que considera "un castigo ao noso concello".