O PP demanda a creación do Consello de Seguridade Local porque moitos veciños din "sentir medo"

Pontevedra
05 de febreiro 2025

As concelleiras Pepa Pardo e Silvia Junco manifestaron a súa preocupación polo incremento de criminalidade e denuncian as carencias de Benestar Social para atender a persoas en risco de exclusión

Silvia Junco e Pepa Pardo, do PP
Silvia Junco e Pepa Pardo, do PP / PontevedraViva

As concelleiras do Partido Popular en Pontevedra, Pepa Pardo e Silvia Junco, expresaron a súa preocupación pola que consideran "crecente inseguridade" na cidade e a falta de resposta do goberno local.

Pepa Pardo explicaba que, mentres a criminalidade mostra unha tendencia á baixa en Galicia e na provincia, en Pontevedra aumentou un 7,12%, segundo os datos ofrecidos pola Subdelegación do Goberno.

"Esta situación debe reverterse", afirmaron as edís, subliñando que os episodios violentos protagonizados por persoas en risco de exclusión social foron en aumento durante o último ano.

O PP esixe medidas urxentes, que aseguran estar a ser desatendidas. En 2024, presentaron tres mocións relativas a seguridade cidadá e servizos sociais, ademais de manter reunións con veciños e promover unha recollida de sinaturas para solicitar accións urxentes.

Segundo Pardo, a cidadanía reclama un incremento do control policial con máis patrullas a pé, xa que moitos veciños manifestan "sentir medo".

Por este motivo, demandan a activación inmediata do Consello Local de Seguridade Cidadá con participación de asociacións veciñais, representantes políticos e forzas de seguridade. "Non nos consta que este Consello sexa creado, e queremos impulsalo", afirmou Pepa Pardo.

Tamén atacou a Eva Vilaverde, concelleira responsable de Seguridade Cidadá, por negar que a Policía Local teña competencias en seguridade urbana, algo que o PP considera unha afirmación errónea e inhabilitante para o seu cargo. Alegan que o artigo 53 da Lei de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado establece que a Policía Local debe previr e evitar a comisión de delitos e manter a orde.

As edís populares tamén acusaron ao goberno local de desmantelar a Unidade de Seguridade Cidadá da Policía Local, priorizando medidas con afán recadatorio mentres os delitos sexuais e roubos seguen aumentando.

Esixen a convocatoria inmediata da Xunta Local de Seguridade Cidadá, cuxa última reunión foi en marzo de 2024.

Ademais, expoñen preguntas ao goberno de Miguel Anxo Fernández Lores: Cantas patrullas saíron a pé e cantas se incrementaron desde a última xunta? En que número ampliouse a Policía Local? Cantas veces se reuniron Vilaverde e Lores coa Policía Local e co subdelegado do Goberno desde marzo de 2024?

Doutra banda, Silvia Junco alertou sobre o escaso investimento en servizos sociais.

Afirma que o informe de Directores e Xerentes de Servizos Sociais de xaneiro de 2025 recolle que Pontevedra é unha das cidades máis deficientes neste ámbito, encabezando o ranking de capitais con menor investimento.

Mentres o nivel de excelencia sitúase en 102,12 euros por habitante en gasto social, Pontevedra só inviste 48,65 euros, lonxe da Coruña (125,95), Lugo (107,64) e Ourense (92,44), alertan.

"É unha vergoña, que teñamos unha cidade que pon alfombra vermella ás estrelas de cine mentres dá as costas aos sintecho, aos seus traballadores e aos seus cidadáns", criticou Pepa Pardo.