O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra intensificou as súas críticas ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores por promocionar na Universidade de Heidelberg en Alemaña "un modelo de cidade que non se corresponde coa situación real que viven moitos pontevedreses".
A concelleira do PP Raquel Martínez asegura ter recollido na rúa Augusto García Sánchez as queixas dos veciños que "soportan comportamentos incívicos por parte dun grupo concreto de persoas".
Raquel Martínez afirma que "mentres o alcalde presume no estranxeiro dunha cidade modelo, en Pontevedra aumentan as queixas pola falta de limpeza, o abandono dos barrios e unha grave situación de emerxencia social que o BNG non está polo labor de resolver", lamentou.
Desde o PP insisten en criticar que Lores "dedique máis tempo a promocionar un modelo de cidade que non se asemella á realidade, que a escoitar e atender as demandas dos seus veciños"
"De que serve recibir premios ou saír en titulares de prensa se Pontevedra está sucia, desatendida e sen rumbo?", cuestionan.
Desde o PP reiteran a necesidade de reforzar os servizos sociais municipais e aumentar a presenza policial nas rúas, con patrullas a pé.
Ademais, Martínez denunciou que a cidade e o rural presenta numerosos colectores desbordados e en mal estado, zonas verdes sen mantemento e persoas sen fogar durmindo en portais "que xa forman parte da paisaxe cotiá de zonas históricas como a Praza da Ferrería ou a contorna de Campolongo".
O PP sostén que Pontevedra é "unha cidade que se deteriora mentres o goberno local céntrase máis en coidar o escaparate que en ofrecer solucións reais aos problemas que afectan á cidadanía".