O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra presentou unha moción, que se debaterá no pleno ordinario do próximo luns, para demandar a elaboración do I Plan de Apoio ás Familias para a mellora da conciliación do Concello de Pontevedra e "frear o envellecemento da poboación con axudas municipais á natalidade".
Segundo manifestou a concelleira do PP, Silvia Junco, o descenso da natalidade e as dificultades para conciliar a vida laboral co coidado dos fillos "son preocupacións que debemos abordar para que Pontevedra sexa a mellor cidade na que crecer."
"Desde o PP estamos a favor da conciliación a corresponsabilidade, o apoio á crianza e as políticas familiares", afirmou Junco antes de expor algunhas das medidas fundamentais deste plan.
Segundo detalla, o PP propón unha liña de axudas directas á natalidade con 250 euros polo primeiro fillo, 500 euros polo segundo e 750 euros polo terceiro, tanto en casos de nacemento como de adopción.
Para poder optar a elas, os proxenitores deberán estar empadroados na cidade de Pontevedra con cinco anos de antelación.
No segundo eixo de actuación, o PP reclama a reforma da Ordenanza fiscal para introducir bonificacións no IBI a familias numerosas, que oscilarán entre o 20% e o 90% en función do valor catastral da vivenda habitual que constitúa a súa residencia habitual.
Por outra banda, a edil popular solicita a creación dun Servizo Municipal de Conciliación e Apoio ás Familias, especialmente dirixido a aqueles núcleos familiares con menos recursos e sen a cobertura dunha rede de apoio familiar.
Así mesmo, os populares instan á reactivación do proxecto Camiño Escolar, "co fin de favorecer a autonomía infantil, a mobilidade sostible e, neste caso, facilitar a conciliación".
O PP márcase o obxectivo de "reverter o envellecemento da poboación" cun Plan de Apoio ás Familias para mellorar a conciliación, "similar ao que xa dispoñen noutras moitas cidades como Madrid ou Sevilla".
"É o momento de pornos ao lado de quen desexan formar unha familia e facilitarlles as ferramentas para que poidan facelo con garantías", finalizou a concelleira.