O PP de Pontevedra secundará no pleno a declaración de 2025 como Ano Castelao

Pontevedra
14 de febreiro 2025
Actualizado: 16:42

Os 'populares' piden o respaldo de BNG e PSOE á moción para que sexa aprobada por unanimidade, e fai un chamamento á sociedade para que se sume a esta conmemoración

Rafa Domínguez, líder do PP de Pontevedra
Rafa Domínguez, líder do PP de Pontevedra / PP de Pontevedra

O Ano Castelao, que se está a conmemorar este ano polo 75 aniversario do seu pasamento, chegará o luns ao pleno da corporación de Pontevedra.

Será a través dunha moción que vai presentar o grupo municipal do PP de Pontevedra para expresar o seu apoio á declaración que promoveu a Xunta de Galicia de que 2025 sexa o Ano Castelao "como mostra de gratitude a unha figura senlleira historia de Galicia". 

Os 'populares' piden o respaldo de BNG e PSOE á moción para que sexa aprobada por unanimidade, e fai un chamamento á sociedade para que se sume a esta conmemoración. 

"Máis alá das ideoloxías, Castelao representa a esencia de Galicia e dos galegos. O seu compromiso coa cultura, coa liberdade e coa xustiza social convérteno nunha figura universal que merece ser lembrada e homenaxeada", destacou o líder do PP local, Rafa Domínguez.

Esta moción busca "recoñecer e difundir o legado" de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como escritor, político, artista e pensador, promovendo actividades que acheguen a súa obra á cidadanía pontevedresa. 

A proposta dos 'populares' subliña a necesidade de que as institucións públicas se impliquen na difusión do pensamento e da obra de Castelao, colaborando con entidades culturais, académicas e sociais para a organización de eventos conmemorativos. 

Tamén propoñen establecer acordos con museos, universidades e asociacións culturais para a edición de libros, catálogos e material audiovisual que afonden na vida e na obra do polifacético rianxeiro. 

Avoga pola organización de conferencias, exposicións, xornadas educativas, publicacións e outros actos conmemorativos que "permitan resaltar a súa importancia e o seu impacto na cultura galega e española".  

"O seu legado segue vivo e a nosa responsabilidade é dalo a coñecer e poñelo en valor", sinalou Rafa Domínguez.