Premios Sofía Novoa para universitarias polo seu "compromiso coa igualdade e espírito crítico"

Pontevedra
02 de febreiro 2024

O Pazo Provincial acolleu este xoves a cerimonia de entrega dos premios Sofía Novoa, cos que a Deputación premia cada ano os mellores traballos de fin de grado e fin de máster realizados desde a perspectiva da igualdade. Carmen María Caeiro, María Luisa Silvela, Cristina Pérez e Raquel Álvarez son as gañadoras 

Ceremonia de entrega dos premios Sofía Novoa
Ceremonia de entrega dos premios Sofía Novoa / Deputación de Pontevedra

O salón de plenos do Pazo Provincial acolleu este xoves a cerimonia de entrega da oitava edición dos premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra premia cada ano os mellores traballos de fin de grado e fin de máster realizados desde a perspectiva da igualdade.

Carmen María Caeiro Rodríguez, María Luisa Silvela Costoya, Cristina Pérez Carmuega e Raquel Álvarez Martínez son as catro universitarias que resultaron gañadoras este ano. Delas destacou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que estes premios recoñecen "non só a excelencia académica dos vosos traballos, tamén destacamos a sensibilidade, compromiso coa igualdade e espírito crítico". 

Fixo fincapé nas calidades que as catro estudantes premiadas comparten con Sofía Novoa: a busca dunha sociedade máis xusta e igualitaria, o feminismo ou o traballo para recoñecer o talento feminino e a súa inclusión en eidos como a educación, a ciencia ou a investigación.

Ademais, destacou os valores que transmiten os traballos das catro gañadoras. O de Carmen, porque "anima ás rapazas a alzar a voz e defender as súas ideas"; o de María Luísa, que fala "da importancia de valorarse a un mesmo"; o de Cristina, para "rachar con prexuízos doutra época que dicían que hai un entretemento para nenas e outro para nenos"; ou o de Raquel, centrada en "concienciar desde as idades máis pequenas sobre o desenvolvemento sustentable a través do feminismo e a literatura". 

López aproveitou o acto para anunciar a aprobación dunha nova convocatoria de axudas en materia de igualdade por valor de 460.000 euros destinada aos concellos da provincia e as entidades sen ánimo de lucro para a loita contra a violencia de xénero e o fomento da igualdade.

O presidente provincial insistiu no compromiso do goberno provincial coa igualdade e destacou que esta nova liña de axudas suporá unha inxección de fondos coa que os concellos e os colectivos "poderán afondar na atención integral as vítimas e ás persoas ao seu cargo, na axuda a inserción laboral destas mulleres, ou en labores de concienciación tan necesarias para que as vítimas cheguen a cifras inexistentes".

A xornalista de Diario de Pontevedra María Varela foi a encargada de dirixir a gala, na que o fío musical correu a cargo da pianista Noemí Salomón.