Preocupación nas Forzas e Corpos de Seguridade pola violencia vinculada a enfermidades psiquiátricas

Pontevedra
17 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:34

"Algunha resposta temos que dar, algo hai que facer e niso estamos. Supoño que haberá noticias progresivamente", dixo o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada

Axentes da Gardia Civil durante unha intervención Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, mostrou a súa preocupación pola violencia vinculada a enfermidades psiquiátricas.

Nunhas declaracións aos medios de comunicación no transcurso dun acto oficial en Pontevedra, Abel Losada trasladou as súas condolencias a familiares, amigos e veciños de Rita Gómez González, a muller de Cerdedo-Cotobade que faleceu onte xoves no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a consecuencia das graves feridas sufridas pola malleira que supostamente lle propinou o seu fillo Antonio, de 46 anos.

Este home foi detido pouco despois de coñecerse os feitos e permanece custodiado na unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra.

Neste contexto, o subdelegado do Goberno indicou que no último ano producíronse cinco casos na provincia de "asasinatos ou situacións médicas críticas de familiares, normalmente fillos, relacionados con situacións de enfermidades psiquiátricas dos presuntos asasinos".

Losada asegurou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado teñen "o foco posto nun problema que non é fácil de resolver".

"Algunha resposta temos que dar, algo hai que facer e niso estamos. Supoño que haberá noticias progresivamente", dixo Losada.

O subdelegado fixo estas declaracións despois de participar nun minuto de silencio tras a confirmación como caso de violencia de xénero do asasinato dunha muller nA Rioxa en outubro pasado.