O Concello de Soutomaior iniciará próximamente o proceso de licitación do proxecto de "reurbanización, mellora e humanización do centro urbano de Arcade como espazo público".
Esta actuación contará cun investimento de 1,2 millóns de euros e suporá a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro.
O goberno local de Soutomaior conta con financiar este proxecto co Plan Extra da Deputación Provincial e tamén con fondos propios.
Tal e como dixo o alcalde, Manu Lourenzo, "con esta actuación procedemos a renovar este espazo urbano que conta cun importante deterioro". A idea é convertelo nun "núcleo de centralidade" que dinamice a vida de Arcade.
O goberno local aspira a que o novo espazo urbano sexa "unha contorna de referencia, moderna, dinámica e atractiva acorde a século XXI".
Este proxecto, redactado por Cendón e Vázquez, suporá unha das principais actuacións urbanas no centro de Arcade.
"Con esta obra os negocios verán mellorados os servizos así como a accesibilidade", dixo o alcalde.
"Trátase de que Arcade teña un núcleo urbano moderno, europeo e dinámico no que as persoas poidan desfrutar dun espazo urbano ecolóxico, renovado e con vida", engadiu Manu Lourenzo.