Preto de 100 empresas e negocios foron asesorados a través do programa Poio Confía

Poio
01 de outubro 2020

A creación dun selo virtual, o impulso do Mapa Poio Confía ou a elaboración de novos vídeos explicativos sobre reorganización de procesos e estratexias empresariais, ademais de novas reunións informativas, son algunhas das iniciativas nas que se continúa traballando a través deste programa, impulsado polas concellerías de Turismo e Promoción Económica

Balanzo do programa Poio Confía
Balanzo do programa Poio Confía / Concello de Poio

Desde a súa posta en marcha a finais do pasado mes de xuño, o programa Poio Confía leva asesorado a preto dun cento de empresas do municipio.

Nunha comparecencia celebrada no Casal de Ferreirós, a edil de Turismo, Silvia Díaz, e o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, fixeron un balanzo da eficacia e labor desenvolvida a través desta iniciativa, impulsada por ambos departamentos co obxectivo de crear espazos saudables e apoiar ao tecido empresarial local neste novo contexto marcado pola crise sanitaria da Covid-19.

No acto tamén estiveron presentes a directora e coordinadora de Poio Confía, Mariem Filgueira; a súa responsable de comunicación, Inés Fernández, e o asesor Jesús Fernández, que deron conta das actuacións levadas a cabo nestes meses. Tamén asistiron tres das empresarias que adheriron os seus negocios a esta rede (O Eirado das Margaridas, Autoescuela Arias e o viveiro Aires da Terra).

Todos eles fixeron fincapé na importancia que ten adaptar estratexias empresariais á situación actual, que destacaba pola súa dificultade e por ser moi cambiante. Ao longo de todo o verán leváronse a cabo diferentes actividades de carácter informativo, así como revisións dos protocolos sanitarios, asesoramento para axudar a reorganización de postos de traballo ou impulso de procesos para poder continuar coa actividade no caso de que un empregado ou empregada dese positivo por Covid-19.

Un dos aspectos a resaltar do programa foi a creación dun selo propio, a través do cal se confirmaba "o compromiso pro parte do empresariado á hora de garantir á cidadanía o seu esforzo por cumprir coas medidas decretadas polas autoridades sanitarias". A día de hoxe son preto de 70 os negocios de Poio que contan con este distintivo.

Neste mes de outubro terá lugar unha terceira charla e fixo un chamamento a todo o empresariado de Poio que conte con empregados e queira afondar en cuestións de reorganización e na creación de ‘equipos burbulla’.

Ademais, se está a traballar no desenvolvemento do selo Poio Confía Dixital, para redes sociais e espazos web dos negocios, así como na elaboración de vídeos explicativos sobre reorganización de procesos. A maiores, actualizarase a guía de Poio Confía, incluíndo as novas que vaian xurdindo con respecto á Covid-19 e se impulsará o Mapa Confía, onde a veciñanza poderá identificar a todos os negocios asesorados e que contan co seu propio selo do programa.

Silvia Díaz e Gregorio Agís fixeron un chamamento a todas as persoas que teñan negocios na vila e que “queiran resolver dúbidas ou solicitar o seu selo” para que se poñan en contacto con Poio Confía, a través do teléfono 625120475 ou do correo [email protected]. Tamén é posible obter máis información nos perfís oficiais do programa en Facebook e Instagram.