Primeira parada dos Reis Magos: este venres na Deputación

Pontevedra
29 de decembro 2025

Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán as cartas da rapazada este venres 2 pola tarde, cunha festa con lambetadas e rosca incluída

Os Reis Magos na Deputación
Os Reis Magos na Deputación / Deputación de Pontevedra - Arquivo

A Deputación de Pontevedra abre as súas portas a toda a rapazada da cidade e da provincia este venres, 2 de xaneiro, para recibir a visita dos Reis Magos.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Pazo Provincial ás 17:00 horas, nunha cita xa consolidada tras a súa primeira visita histórica a comezos deste ano.

O vicepresidente Rafa Domínguez e outros membros do goberno provincial darán a benvida ás súas maxestades na entrada do Pazo.

Posteriormente, os Reis Magos dirixiranse ao Salón de Plenos, onde se sentarán para recoller en persoa as cartas cheas de ilusión dos máis pequenos.

Ademais de entregar as súas misivas, os nenos e nenas serán agasallados con lambetadas e poderán degustar unha merenda con rosca e chocolate, facendo da visita unha celebración infantil.

A experiencia para os escolares completarase coa oportunidade de admirar a decoración de Nadal do Pazo provincial e dos demais edificios da Deputación.

Este ano, a ornamentación xira arredor do lema "Un Nadal que saia do noso interior", destacando especies vexetais autóctonas da provincia e iluminada por 250.000 luces eficientes, cunha mensaxe de concienciación sobre a importancia do interior xeográfico e os nosos montes, afectados polos lumes no verán.

Así mesmo, os visitantes poderán percorrer o interior do Pazo para coñecer a exposición de adornos de Nadal artesanais da colección ViCo.

A mostra, composta por seis vitrinas, exhibe parte das 1.200 pezas desta colección, con elementos procedentes de diversos países europeos que xa foron expostos en recoñecidos museos de España e Portugal.