Primeira sentenza en Pontevedra que obriga a devolver a un contribuínte o imposto de plusvalía

Pontevedra
27 de outubro 2017

678 euros. É o diñeiro que o Concello de Pontevedra terá que devolver a un contribuínte que, en 2016, tivo que pagar o imposto de plusvalía ao vender unha das súas propiedades. O xulgado do contencioso administrativo número 2 conclúe que, á vista de recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, debe recuperar o diñeiro porque na venda perdeu diñeiro con respecto á compra que fixo no seu día

Entrada do edificio administrativo do concello de Pontevedra na rúa Michelena
Entrada do edificio administrativo do concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

678 euros. É o diñeiro que o Concello de Pontevedra terá que devolver a un contribuínte que, en 2016, tivo que pagar o imposto de plusvalía ao vender unha das súas propiedades.

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Pontevedra conclúe que, á vista de recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, debe recuperar o diñeiro porque na venda perdeu diñeiro con respecto á compra que fixo no seu día.

En concreto, o xulgado apela a unha sentenza do 11 de maio de 2017 na que o Constitucional anulou parcialmente a lei de facendas locais, de forma que non se poida cobrar este imposto nas operacións de transmisión nas que se produza un incremento negativo do valor mobiliario.

O concelleiro de Réxime Interior, Vicente Legísima, anunciou que o Concello non recorrerá a sentenza e devolverá o diñeiro ao contribuínte afectado.

Ademais asegurou que, a pesar desta sentenza, o goberno municipal manterá o cobro deste imposto, á espera de que o Estado -de quen depende a regulación deste tributo- "faga os deberes dunha vez" e aprobe unha nova normativa.

"O Goberno do PP está metido noutras liortas e non fixo nada para resolver isto", sinalou o edil nacionalista.

Mentres non haxa unha nova norma estatal, explicou Legísima, aqueles contribuíntes que consideren que non debe aplicárselle este imposto, deberán achegar toda a documentación que demostre as perdas que se produciron na venda.

Os técnicos do Concello, ou na súa falta o Tribunal Económico Administrativo municipal, atenderán estas reclamacións "se hai base para elo" e non se lles cobrará se acreditan a súa diminución patrimonial. O que non haberá, dixo o edil, un proceso "global".

Nestes momentos hai formuladas unhas 40 reclamacións pola liquidación deste imposto que están a ser analizadas, pero o Concello descoñece se algunha delas chegou xa aos xulgados.