O edificio administrativo da Deputación de Pontevedra acolle este martes un taller sobre a Prevención e Xestión de Conflitos de Interese na Administración Local de Galicia.
Esta é unha actividade dirixida a profesionais e responsables da Administración que organiza a Deputación en colaboración co Consello de Contas de Galicia, cuxo conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, participou tamén na súa apertura xunto co presidente provincial, Luis López.
"Agradezo a vosa presenza aquí porque amosa o interese que tedes en mellorar a vosa formación e aptitudes profesionais", dirixiuse o mandatario provincial aos asistentes nun discurso no que tamén loou o labor do conselleiro Aladro. "É unha garantía de profesionalidade, rigor e solvencia alá onde exerza. E creo que o Consello está de parabéns", sinalou López.
O obradoiro, que se desenvolveu en horario de mañá, estivo impartido pola doutora en Dereito e codirectora da Rede Localis, Concepción Campos.
A sesión estruturouse en dúas partes. Unha primeira centrada na exposición dos principais aspectos regulamentarios que afectan á xestión dos conflitos de intereses nas entidades locais. E, unha segunda parte, para traballar en grupos reducidos na identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de interese, a xestión dos riscos asociados, e as claves para a súa detección e resolución.