A propietaria de Casa BereBeres esixe un acceso peonil para salvar o seu negocio

Pontevedra
15 de maio 2025

As obras para a acometida da alta tensión de Mourente a Soutomaior deixaron un tramo de Conde de Bugallal completamente valado, dificultando a entrada de clientes e provedores a este restaurante

Hfda Asebban, propietaria de Casa BereBeres, contempla como as obras impiden a entrada ao seu negocio Mónica Patxot

Fanse dúas semanas do inicio das obras en Pontevedra para a acometida da alta tensión de Mourente a Soutomaior.

Estes traballos avanzan dende a rúa Conde de Bugallal, no tramo máis próximo a Otero Pedrayo (vía que arrinca na estación de trens) e continúan polo Marco en dirección a Tomeza.

Aproximadamente, uns cen metros de estrada están escavados, provocando o peche dun dos sentidos da circulación. O tráfico está a ser desviado e, de momento, non se produciron incidencias no tránsito de vehículos.

O problema atópase nos establecementos situados a pé de obra. A propietaria do restaurante Casa BereBeres, situado na rúa Conde de Bugallal, número 86, por onde pasa o Camiño Portugués a Santiago, denuncia o impacto negativo que estes traballos están a ter no seu negocio.

A intervención, que segundo fontes da empresa encargada finalizará a mediados do mes de xuño nesta rúa, deixou a zona completamente valada, dificultando o acceso peonil a este negocio.

Hfda Asebban, propietaria de Casa BereBeres, contempla como as obras impiden a entrada ao seu negocioMónica Patxot

Hfda Asebban, dona de Casa BereBeres, explica que a situación provocou unha caída significativa na súa clientela.

"As obras cortaron a entrada o meu local de forma total. A beirarrúa está valada e os peregrinos, que son máis da metade dos meus ingresos, non poden acceder. Cando chegan a un punto onde si poden entrar, xa pasaron varios metros e non dan a volta", explica con angustia.

A propietaria sinala que, en comparación coa situación do veciño taller de reparación de automóbiles, que si conta cun acceso habilitado, ela non ten esa posibilidade.

"Ao do taller déixanlle entrar, porque o necesita, pero eu tamén. A xente ten que camiñar pola beirarrúa de enfronte, cruzar máis arriba no paso de peóns e dar un rodeo enorme. É imposible que accedan nin os clientes nin os provedores", engade.

Dende que se iniciou a obra, Casa BereBeres tivo que cancelar reservas e eventos importantes, como comuñóns, aniversarios e bautizos, afectando seriamente á súa economía. "Tiven que despedir a dous axudantes e agora só traballo eu e o meu fillo. Algúns días, só entra un cliente", laméntase.

"Investín todos os meus aforros neste negocio, e se non ingreso, non sei que vou facer", sinala con pesar ao referirse a un proxecto emprendedor que arrincaba en marzo do ano pasado e que, dende o principio, "funcionou moi ben, pero, quen vai querer sentar a comer co ruído das máquinas?".

Obras de acometida de alta tensión Mourente-Soutomaior ao seu paso por Conde de BugallalMónica Patxot

A situación xerou unha sensación de incerteza e preocupación pola prolongación das obras. "Dixéronme que terminarían o sete de maio, pero agora din que poden prolongarse ata o verán. Isto sería un mes máis sen poder acceder o meu negocio e sen ingresos, e eu teño que seguir pagando o aluguer", afirma.

Hfda Asebban solicita unha simple pero efectiva solución: que os valos sexan retirados no tramo fronte ao seu local, deixando un paso peonil axeitado, similar ao que habilitaron para o taller.

"Só pido que movan os valos e fagan un corredor para que a xente poida entrar e saír. É que xusto diante do meu establecemento hai un tramo que non foi escavado, é moi sinxelo", indica.

Insiste en que non pode aturar moito máis tempo sen facturar. "Este mes é crucial para nós, xusto despois de Semana Santa é cando empeza a tempada alta de peregrinos e contrátanse máis celebracións", comenta.

A propietaria de Casa BereBeres agarda unha pronta solución que lle permita recuperar a normalidade no seu negocio e aliviar o sufrimento que a obra causou a ela e os seus empregados.

"Só quero que me deixen pasar, como fixeron noutros negocios. Non pido máis ca iso", conclúe, aínda con esperanza.