Protección Civil de Cuntis realizou 450 intervencións no último ano

Umia
06 de xaneiro 2018

Esta cifra supón incremento dun 32% en canto ao número de incidencias atendidas e de operativos nos que participaron voluntarios da agrupación

Vehículo de Protección Civil de Cuntis diante da Casa do Concello
Vehículo de Protección Civil de Cuntis diante da Casa do Concello / Concello de Cuntis

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis incrementou en 2017 a súa presenza en intervencións de emerxencia e operativos de seguridade nun 32% con respecto ao ano anterior.

Así se reflicte na memoria anual da agrupación, na que sinala a súa participación en 450 operativos.

En canto á tipoloxía das intervencións, a principal foron os operativos (192) nos que se engloban os preventivos ante festividades, probas deportivas ou a colaboración con outras agrupacións de Protección Civil da comarca.

A seguinte categoría agrupa diversas intervencións baixo o nome de 'outras incidencias', nos que se inclúen entre outras cousas as actividades de control e retirada de niños de avespa velutina.

En canto aos accidentes de tráfico, seguinte categoría (46 intervencións) a memoria de Protección Civil sinala que gran parte deles producíronse na N-640, especialmente no tramo de curvas de Castroloureiro.

Ademais os voluntarios colaboraron na recollida de animais soltos (36) ou en incidentes en estradas por caídas de árbores e similares (29), entre outros asuntos.