A invasión que a avespa asiática está a levar a cabo no norte de España obrigou aos membros de Protección Civil de Cuntis a intensificar os seus esforzos por combatela.
Así, os voluntarios desta agrupación retiraron xa no que vai de ano máis de medio centenar de niños da avespa velutina, moito máis agresiva e cun veleno máis potente que as europeas.
O último deles foi localizado en Lantaño (Portas), en cuxos traballos de retirada colaboraron coa agrupación local deste municipio pontevedrés. Tratouse dunha colmea de grandes dimensións.
Ademais dos niños sobre os que xa se actuou, Protección Civil de Cuntis ten localizados catro máis, que serán retirados en próximos días.
Trátase dun situado no centro urbano de Cuntis e outros tres na parroquia de Troáns e nos lugares de Rebordelo e San Mamede.