Protesta en Marín este luns para reclamar máis persoal en Atención Primaria

Marín
12 de abril 2026
Actualizado: 20:28

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín convoca unha concentración este luns 13 ás 20:30 horas diante do centro sanitario

Representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín
Representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín

O Centro de Saúde de Marín acollerá este luns, 13 de abril, unha concentración cidadá para demandar un incremento de profesionais e servizos sanitarios.

A mobilización, organizada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín en colaboración con SOS Sanidade Pública, terá lugar ás 20:30 horas coincidindo co Día Internacional da Atención Primaria.

As persoas convocantes sinalan a falta de cobertura de vacantes por baixas, permisos e vacacións como un dos motivos principais da protesta.

Entre as carencias detectadas pola plataforma figuran os tempos de espera para consultas de medicina de familia.

Afirman que “en 7 cupos do Centro de Saúde de Marín as esperas dos pacientes van desde os 15 ata os 20 días. Para matronas tamén hai que agardar dúas semanas"

Apuntan tamén que no centro de Saúde de Marín hai unha nutricionista que só consulta dóus días á semana e ten a primeira cita libre o 2 de xuño.

A esta situación hai que sumar que dúas fisioterapeutas non son suficientes porque a demora pode chegar aos catro meses.

CENTRO DE SAÚDE DE SEIXO

O colectivo pon o foco na falta de previsión ante as próximas dúas xubilacións previstas no persoal de enfermería do centro de saúde de Seixo.

Segundo os organizadores, a xerencia non trasladou información sobre a substitución destas prazas, o que vinculan a unha estratexia de redución de postos de traballo no sistema público.

A convocatoria fundamentase na necesidade de mudar a xestión e o financiamento da Xunta de Galicia para evitar o deterioro da primeira liña asistencial.