Proxectan aumentar o antigo punto limpo de Cerdedo para dar servizo a Cotobade

Cerdedo-Cotobade
27 de xaneiro 2017

O pleno aprobou esta semana o novo regulamento de funcionamento interno o punto limpo. En decembro xa enviaron o novo proxecto de explotación á Consellería de Medio Ambiente e na actualidade agardan a súa autorización e a do xestor correspondente

Punto limpo do concello de Sanxenxo
Punto limpo do concello de Sanxenxo

O Concello de Cercedo-Cotobade aposta por fomentar a reciclaxe e os beneficios que ten para os veciños, tanto desde o punto de vista do medio como polo aforro que supón. Nese camiño, solicitou autorización á Xunta de Galicia para ampliar e mellorar o actual servizo do punto limpo de Cerdedo e que chegue tamén aos residuos voluminosos dos veciños de Cotobade. 

Segundo a información facilitada polo Concello, o pleno aprobou esta semana o novo regulamento de funcionamento interno do punto limpo. En decembro xa enviaron o novo proxecto de explotación á Consellería de Medio Ambiente e na actualidade agardan a súa autorización e a do xestor correspondente. 

Unha vez que se consiga o visto e prace da Xunta de Galicia e a próxima aprobación dos orzamentos municipais 2017, procederase a acometer melloras nesta infraestrutura e a ampliar o almacén de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, así como a fixar unhas datas e horarios de apertura regulares.

O Concello tamén baralla poñer en marcha unha campaña informativa e incluso un programa por puntos para os seus usuarios que inclúa descontos en negocios do municipio ou en transporte e agasallos vencellados ao medio ambiente para promover a utilización do punto limpo e da reciclaxe e mesmo favorecer a vida social do novo municipio.

Esta infraestrutura, que se atopa na estrada EP-7103 na subida dende Cerdedo a Deán, Castro e Quireza, admite a entrega de restos como mobles, colchóns, sofás, sillas, textís e roupa, plásticos agrícolas e domiciliarios, restos metálicos, residuos perigosos e restos de reparacións domiciliarias acometidas por particulares.

En principio, está fixada unha cantidade máxima mensual que pode depositar cada usuario e está prohibido deixar residuos ás portas da instalación baixo ameazas de multas de ata 300 euros.