Proxectan construír un tanatorio con crematorio fronte á ponte do Burgo

Pontevedra
24 de outubro 2012

Dúas funerarias mercan unha parcela na avenida de Uruguai para construir un tanatorio con máis superficie útil que o de Montecelo con servizos de velorio, crematorio, tanatopraxia e capela para distintas confesións

As funerarias Alianza y Barros e Pompas Fúnebres Pontevedra chegaron a un principio de acordo co Colexio de Arquitectos de Galicia para mercar a parcela do antigo ximnasio Teucro, un espazo de máis de 770 metros cadrados entre a avenida de Uruguai e Arcebispo Malvar. Proxectan construír alí un novo tanatorio para Pontevedra. As empresas van abonar 600.000 euros ao Colexio de Arquitectos, que se reserva un espazo nesa parcela para uso propio.

As empresas alegan que esta operación comezou a desenvolverse tras os "incomprensibles atrancos que o Concello de Pontevedra estaba a poñer para a reconstrución do tanatorio que durante 17 anos funcionou en Montecelo". Os responsables destas empresas temían que o proceso administrativo puidera prolongarse durante moitos meses máis, as funerarias decidiron trasladar o proxecto a unha área urbana que figura no PXOM como zona de equipamentos e onde contaría con todos os servizos necesarios para o seu funcionamento.

O novo edificio que queren construír contaría con máis superficie útil que o anterior de Montecelo, con calidade para situarse na vangarda do sector funerario en Galicia e con servizos de velorio, crematorio, tanatopraxia e capela para distintas confesións.

A operación de compra, condicionada á celebración dunha asemblea dos arquitectos galegos e ao cumprimento doutras cláusulas de carácter administrativo, implica o abono por parte das funerarias da cantidade de 600.000 euros e a reserva dun espazo para a institución colexial.

Louro: "Será estudado cando se presente"

Louro avanzou que o proxecto "será estudado á luz da legalidade urbanística e dos servizos técnicos municipais"

A proposta deste novo tanatorio-crematorio pillou por sorpresa ao Concello de Pontevedra. O seu concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, explicou que en dependencias municipais "non se presentou nada aínda". En todo caso, xa avanzou que o proxecto "será estudado á luz da legalidade urbanística e dos servizos técnicos municipais", reiterando que os intereses do Concello "están por encima de todo".

Neste sentido, explicou que debido á ubicación prevista para este tanatorio, os municipais non serán os únicos informes "preceptivos e vinculantes" que se emitirán. Terán que analizar o proxecto as consellerías de Medio Ambiente, Presidencia e Sanidade, "e dado o entorno no que estaría", da Dirección Xeral de Patrimonio, ao afectar, dixo, á protección coa que conta o Centro Histórico e a Basílica de Santa María.

Ante as queixas dos promotores deste proxecto aos "atrancos" que din sufrir por parte do Concello, Louro asegurou que se trata dunha afirmación "pouco afortunada". Tras afirmar que "están fóra da realidade", explicou que o goberno municipal rexeitou a anterior ubicación suscitada en Montecelo, no mesmo solar no que derribou o anterior tanatorio, "porque non tiña auga potable suficiente e carecía dos accesos necesarios".

"O Concello sempre reacciona dacordo á legalidade e cos informes dos técnicos", insistiu o concelleiro socialista. "Son proxectos regulados e neles non cabe interpretación nin decisión política ningunha".