O PSOE critica o canon de 13.000 euros anuais que deberá pagar Marín pola dársena de chalanas

Marín
15 de febreiro 2025
Actualizado: 9:39

Manuel Pazos critica que a concesión portuaria da dársena ao Concello de Marín para uso naútico-deportivo "terá un custo para as arcas municipais de máis de 13.000 euros anuais"

Dársena do porto coñecida como o cemiterio de chalanas
Dársena do porto coñecida como o cemiterio de chalanas / Pontevedra Viva

Para o portavoz do grupo municipal do PSOE en Marín, Manuel Pazos, "o da dársena de embarcacións é un verdadeiro despropósito".

Manuel Pazos critica que a concesión portuaria da dársena ao Concello de Marín para uso naútico-deportivo "terá un custo para as arcas municipais de máis de 13.000 euros anuais durante cada un dos 50 anos que durará a concesión", asegura.

O concelleiro socialista responsabiliza á alcaldesa de Marín, María Ramallo deste "sinsentido" e afirma que "a Señora Ramallo ocultou até agora".

Segundo explica Manuel Pazos, a Autoridade Portuaria acaba de fixar unha taxa anual de ocupación de 10.901,35 euros e outra de actividade dun mínimo de 2.180,27 euros pola concesión da dársena de embarcacións de Marín.

"Trátase de dúas taxas que suman máis de 13.000 euros e que deberemos abonar todos os marinenses até o ano 2074. Nada menos que 654.000 euros custaranos o que ía ser a piscina de auga salgada e que agora xa ninguén sabe si vai ser unha piscina ou o que vai ser", manifestou Pazos.

Ao grupo municipal do Partido Socialista parécelles un "despropósito" porque, segundo sostén, "trátase de pór en valor un espazo polo que até agora non se pagaba" e ademais, a alcaldesa, "nunca, en ningunha declaración pública nin en ningún debate municipal, dixo que tal cousa fose suceder. Unha forma oscurantista de proceder á que ultimamente nos ten moi afeitos".

"Si xa nos pareceu un erro eliminar esa dársena de embarcacións por ser o último recordo do Marín mariñeiro que un día fomos, aínda nos parece peor si para dispor dese uso público temos que abonar nada menos que 654.000 euros. Unha cifra á que hai que sumar os 270.733 euros que se dedicará á obra de acondicionamento da dársena e que está actualmente en execución", conclúe o concelleiro do PSOE.