O Grupo Municipal Socialista presentará no próximo pleno do luns 17 unha moción para impulsar a mobilidade sostible e accesible en Pontevedra, co obxectivo de fomentar o uso da bicicleta mediante a posta en marcha dun servizo público de préstamo de bicicletas con pedaleo asistido.
A iniciativa, que presentaba este mércores o portavoz do PSOE, Iván Puentes, busca integrar este servizo no sistema de billete único do transporte metropolitano, facilitando así a compatibilidade do alugueiro co billete de tren e autobús.
A moción insta ao Goberno Local a solicitar as axudas do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para poñer en marcha este servizo, así como a desenvolver unha campaña de información pública que permita á cidadanía coñecer e acceder tamén ás axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas.
Dentro desta proposta, os socialistas queren establecer outras infraestruturas para promover a mobilidade ciclista, como estacións de mantemento e lavado, aparcabicis seguros e carrís bici nas zonas en que sexa posible como a avenida de Bos Aires, Xosé Malvar e zonas de conexión das parroquias co centro urbano.
Iván Puentes destacou que esta iniciativa chega nun momento clave, xa que o Real Decreto-Lei 1/2025, aprobado polo Consello de Ministros o pasado 28 de xaneiro, inclúe axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas e para a implantación de servizos públicos de préstamo de bicicletas.
Puentes lembrou que Pontevedra xa contou entre 2009 e 2011 cun proxecto piloto de préstamo municipal de bicicletas, o PillaBici, que finalmente foi suprimido, segundo o portavoz socialista, debido a catro problemas: o escaso número de estacións, a deficiente reposición de bicicletas e a falta de sostibilidade do sistema.
"Agora temos a oportunidade de aprender dos erros do pasado e implantar un servizo moderno e eficiente", sinalou.
A moción do PSOE propón que o servizo de préstamo de bicicletas estea integrado no sistema de billete único do transporte metropolitano, facilitando así a intermodalidade entre tren, autobús e bicicleta.
Ademais, solicita que se fomente o uso de cargo-bikes (bicicletas de carga) para empresas de reparto, aproveitando as axudas do Goberno central destinadas a persoas xurídicas.
Puentes puxo como exemplo o servizo BiciCoruña, que conta con 49 estacións e 393 bicicletas (moitas delas eléctricas) e que no 2024 rexistrou 1,3 millóns de usos e reduciu en 700 toneladas as emisións de CO2. "Se en cidades como A Coruña, con máis tráfico e menos favorable para a bicicleta, este servizo funciona, en Pontevedra ten todo o sentido", afirmou.
O PSOE propón a creación de tres zonas de mobilidade ciclista na cidade:
-
No casco histórico e primeiro anel urbano, defende a convivencia de tráficos, con prioridade para peóns, bicicletas e vehículos de mobilidade persoal.
-
Nun segundo cinturón, con rúas de único sentido como Benito Corbal ou Loureiro Crespo, propón que as bicicletas poidan circular en ámbalas direccións pola calzada, como sucede en cidades como París.
-
Un terceiro anel, que inclúe a avenida de Bos Aires e as rúas de conexión co Campus Universitario, aposta pola creación de carrís bici.
A moción xa foi aprobada na Comisión de Mobilidade grazas á abstención do BNG e do PP. Iván Puentes espera que ámbolos dous grupos lle dean o seu apoio no pleno do luns, xa que, segundo el, "se en cidades como Madrid, Barcelona ou Sevilla é posible integrar a bicicleta no transporte público, en Pontevedra non debería haber dificultades" destacando as melloras en canto a mobilidade peonil que experimentou a cidade nos últimos anos.