O punto limpo de Cerdedo-Cotobade acaba de ser obxecto dunha completa actuación de mellora que supuxo un investimento de máis de 25.000 euros.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron este venres o resultado dos traballos de mellora.
A reforma consistiu na mellora do peche para mellorar a súa seguridade e previr o vertido de elementos contaminantes e tamén da cuberta, para evitar o traspaso de auga e de residuos como follas, ramas ou outros restos que poidan atascar os desaugues.
Tamén supuxo a execución dun foso de derrame que permita unha adecuada retención ante unha posible fuga dalgún residuo contaminante; e a impermeabilización do pavimento.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para conseguir que os recursos públicos se utilicen de forma eficaz e eficiente.
Asegurou que "os alcaldes son os que mellor coñecen as necesidades" dos concellos e proba diso é esta obra que "claramente mellorou a xestión dos residuos de Cerdedo-Cotobade e que ademais diminúe o risco de contaminacións das súas terras".
A reforma foi financiada con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.
