Que supermercados abren o Xoves e Venres Santo?

Pontevedra
08 de abril 2020

A Xunta de Galicia deixa a apertura o Xoves Santo a criterio de cada supermercado e ordena que todos os establecementos de alimentación permanezan pechados o Venres Santo, declarado como día non hábil para o sector da alimentación

Continúa a corentena: colas en supermercados e farmacias, policía nas rúas
Continúa a corentena: colas en supermercados e farmacias, policía nas rúas / Diego Torrado

O estado de alarma que estamos a vivir converte aos supermercados en servizos esenciais. A apertura destes establecementos durante os festivos de Semana Santa xerou moitas dúbidas entre os clientes e non menos controversias entre os sindicatos.

A fixación de horarios comerciais e días de apertura é competencia das comunidades autónomas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciaba a pasada semana que se permitía a apertura o Xoves e Venres Santo este 2020 de modo excepcional. Un anuncio que rectificaba días despois, atendendo ás reclamacións dos diferentes sectores implicados.

Finalmente, en Galicia a apertura o Xoves Santo déixase a criterio de cada supermercado e ordénase que todos os establecementos de alimentación permanezan pechados o Venres Santo, declarado como día non hábil para o sector da alimentación.

A continuación, facemos un percorrido pola cidade de Pontevedra para detallar: que supermercados abren e cales non?

FROIZ

Tanto os Supermercados Froiz como o Hiperfroiz levan días anunciando aos seus clientes que permanecerán pechados o xoves 9 e o venres 10 de abril e únense ás recomendacións do Goberno central para que os consumidores planifiquen as súas compras.

GADIS

Supermercados Gadis mantén a mesma liña que a firma pontevedresa e remítenos unha nota de prensa na que informa que "todos os supermercados permanecerán pechados o Xoves Santo e o Venres Santo para que o equipo humano poida descansar dúas xornadas consecutivas".

EROSKI

Así mesmo, os supermercados Eroski tamén pechan as súas portas durante os dous días festivos.

MERCADONA

Mercadona segue a mesma tendencia que os establecementos xa mencionados e, ante o alto volume de traballo que están a soportar os seus traballadores, decidiuse o peche o xoves e o venres festivos.

CARREFOUR

Os centros Carrefour abren durante a xornada do Xoves Santo nun horario especial entre as 9:00 e as 15:00 horas.

LIDL

Os supermercados Lidl de Pontevedra abren o xoves 9 de abril tamén entre as 10:00 e as 15:00 horas.

DIA

Os aupermercados Dia abren durante a xornada do Xoves Santo só en horario de mañá. Desde o Maxi Dia da estrada nacional 550, no lugar de Alba, confírmannos que o horario durante o xoves 9 de abril será de 9:00 a 14:00 horas.

SUPERCOR

O supermercado que a marca El Corte Inglés ten en Pontevedra é o que ofrece un horario máis amplo de todos os que consultamos. Supercor Pontevedra abrirá o Xoves Santo desde as 9 da mañá ata as 8 da tarde.