Queren destinar 135.000 euros para crear a nova pista multideporte en Vilariño

Poio
20 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:18

O espazo deportivo que proxecta o Concello de Poio estará equipado con porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto e rede para a práctica de tenis, voleibol e bádminton

Práctica deportiva
Práctica deportiva / Concello de Poio

O Concello de Poio anuncia a próxima creación dunha moderna pista multideporte en Vilariño, un proxecto que dará resposta a unha antiga demanda veciñal.

A nova infraestrutura deportiva caracterizarase pola súa versatilidade, xa que estará equipada con porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto e rede para a práctica de tenis, voleibol e bádminton.

O proxecto contempla tamén a instalación de céspede fibrilado, especialmente axeitado para o uso infantil, así como iluminación LED e todas as medidas de seguridade esixidas pola normativa vixente.

Para a súa localización, o Concello escolleu unha parcela estratéxica na rúa Vilariño de Abaixo, adquirida a finais do pasado ano.

O emprazamento resulta idóneo polo seu carácter céntrico, segundo o goberno local, e a proximidade a outros equipamentos como un parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro.

O alcalde, Ángel Moldes, subliña a importancia desta actuación que cumpre "un dos nosos compromisos de Goberno" e lembra que "a veciñanza de Vilariño leva moito tempo esperando por novas infraestruturas lúdicas".

A instalación, que contará cun orzamento de 135.000 euros, financiarase a través do Plan provincial de infraestruturas deportivas da Deputación.

Ángel Moldes indica os terreos previstos para a pista multideporte
Ángel Moldes indica os terreos previstos para a pista multideporteConcello de Poio

No marco do mesmo plan de melloras deportivas, o Concello de Poio destinará máis de 50.000 euros á substitución da cuberta da nave do Club Piragüismo Poio en Combarro, unha intervención necesaria para solucionar os problemas permanentes de filtracións que dificultan o seu uso.

Estas actuacións complementan outras xa executadas como a construción de novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, a inauguración dunha pista pump-track, as melloras realizadas no pavillón de Lourido ou a ampliación do horario e os controis de acceso ao ximnasio municipal.